Un total de 35 nenos participan na segunda quenda dos campamentos municipais de verán
A segunda quenda dos campamentos municipais de verán que organiza o Concello da Laracha continuará desenvolvéndose ata o venres, sendo a maioría das actividades que se levan a cabo na vila de Caión. Nesta semana están a participar trinta e cinco rapaces de idades comprendidas entre os once e os quince anos.
Durante a mañá de hoxe mércores todos eles disfrutaron na praia da práctica de diferentes actividades e deportes náuticos (kayak, pádel surf e banana inchable) impartidos pola Escola Náutica caionesa Golfiño. Antes do inicio das mesmas recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira de cultura e deportes, Patricia Bello.
O pasado luns, primeiro día do campamento, acudiron a Abegondo para realizar unha xornada multiaventura. Onte, e debido as condicións climatolóxicas adversas, aproveitouse para levar a cabo os obradoiros de reciclaxe previstos na programación dos campamentos. Mañá haberá unha saída ao parque acuático de Cerceda e para hoxe pola tarde e o venres a organización ten preparadas diversas propostas ludo-recreativas.
Cada día o autobús recolle aos rapaces na Praza do Concello ás 10:00 horas e regresa ás 18:00 horas. O Concello da Laracha asume o custe do transporte, o xantar e de todas as actividades que se desenvolven na vila de Caión. Os participantes soamente aboaron o custe da xornada multiaventura en Abegondo e da entrada ao parque acuático de Cerceda.
Na semana pasada xa se desenvolveu a primeira quenda destes campamentos de verán, dirixidos nese caso a nenos de entre sete e dez anos de idade. Nese caso cubríronse por completo as cincuenta prazas ofertas.











