Un total de 225 traballadores do naval de Ferrol melloran a súa cualificación con cursos da Xunta e Asime

Entrega de diplomas
O convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Traballo e Benestar e Asime para mellorar a cualificación dos empregados no naval permitiu que na cidade de Ferrol se formaran 225 alumnos e alumnas a través de 15 cursos de formación. A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz López, entregou hoxe nesta cidade os diplomas que acreditan a formación destas persoas.
O departamento autonómico investiu en global nesta actuación máis de 1,5 millóns de euros para a impartición durante os anos 2014-2015 de 49 cursos no sector naval, o que permitiu que se formaran un total de 735 alumnos nas cidades de Vigo e Ferrol. O nivel de inserción acadado polos cursos, segundo os datos proporcionados pola propia entidade que impartiu as accións formativas, foi do 38% dos participantes. Esta formación está fundamentalmente destinada á preparación e cualificación dos traballadores desempregados do sector naval para a súa incorporación á fabricación dos floteis adxudicados tanto na ría de Vigo como na ría de Ferrol.
As accións formativas estruturáronse en sete especialidades diferentes: tubería naval, soldador naval, soldador tubería, caldeireiro naval, pintor naval, habilitador naval e electricista naval. Estas actividades ofrecerán aos traballadores a homologación internacional necesaria para traballar nos estaleiros e nas empresas auxiliares, unha condición esencial nun sector tan globalizado como o naval. O obxectivo do convenio é permitir ás empresas do sector contar con profesionais máis preparados e acreditados para facer fronte aos novos retos aos que se teñen que enfrontar.
Estes cursos apoian aos sectores estratéxicos da economía galega, como é o naval e as empresas auxiliares. No marco dese apoio ao naval, é fundamental poder colaborar con ASIME en diversas accións como nos avances na prevención de riscos laborais, a posta en marcha de actividade formativas como as que recolle este convenio ou as iniciativas novidosas como Empreganav.Este último programa, que rematou en 2014, promoveu a reinserción laboral de 450 profesionais do sector que perderon o seu traballo, reconducíndoos cara novas alternativas, apostando pola reciclaxe laboral e fomentando o espírito empresarial.











