Un total de 20 xóvenes participan no campo de traballo internacional de Cortegada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Un total de 20 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, procedentes tanto de Galicia como doutros países (China, Rusia, Francia e Italia), están a participar no campo de traballo internacional de Cortegada “O bosque flotante”.

A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, desprazouse hoxe ata a illa para visitar aos participantes, que comezaron a súa experiencia o pasado 15 de xullo e que permanecerán no campo ata pasado mañá.

A temática da actividade é fundamentalmente medioambiental. Así, os voluntarios están a realizar labores de mantemento da illa (consolidación de muros e sendeiros, etc…), de información e sensibilización do visitante, intervencións puntuais de mellora no parque, e limpeza das illas Malveiras.

Ao mesmo tempo, combinan este traballo con outras actividades de ocio e culturais, como kaiak, snorkel, roteiros en bicicleta, unha ruta Xacobea en embarcación, roteiros guiados ou dinámicas grupais.

En total, a campaña de verán da Xunta ofertará este ano 700 prazas en campos de traballo: 465 de acollida, e outras 260 de partida, un 19% máis que o ano anterior. En concreto, das prazas no exterior, 115 son noutras comunidades autónomas, e 150 distribuiranse en máis de 25 países de todo mundo.

Os campos de traballo de Galicia son 18: Illas Cíes (4 quendas), Cotobade, Ribadumia, Illa de Cortegada (Vilagarcía), Riós, Muíños, Celanova, Vilar de Barrio, Portomarín, Xermade, Quiroga, Outes, A Laracha (2 quendas), Ponteceso, Boqueixón, Rois e Padrón.

En 2015, o departamento autonómico investirá máis de 2,4 millóns de euros para financiar preto de 8.530 prazas da campaña de verán, entre campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo en Galicia. Esta programación permitirá, á súa vez, a contratación duns 900 monitores e directores de campamentos durante os meses de verán.

22 de xullo de 2015 | 13:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.