publicidade hoxe

Un total de 20 xóvenes participan no campo de traballo internacional de carácter etnográfico na Serra de Outes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOutes
A-
A+

A Serra de Outes está a acoller estes días o campo de traballo internacional ‘Horta do muíño’ da Consellería de Traballo e Benestar no que están a participar ata o próximo 28 de xullo un total de 20 mozos e mozas con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos. En concreto, os participantes, procedentes de Galicia, Álava, Albacete, Badajoz, Guadalajara, Palencia, Biscaia, Rusia, Francia, Bélxica e Italia están a revitalizar o turismo da zona a través da rehabilitación dunha construción típica galega, o muíño, e da reactivación do sendeirismo cos traballos de limpeza e dinamización da ruta en Albán-Tremuzo.

Os mozos e mozas, ademais, están a intercambiar experiencias, coñecementos e costumes, ao tempo que favorecen a comunicación grupal e acadan actitudes de colaboración e cooperación. Entre as actividades complementarias que están a realizar destacan paseos pola poboación de Outes, xornadas na praia coa práctica de deportes náuticos e rutas pola devesa de Nimo.

En total, a campaña de verán da Xunta ofertará este ano 700 prazas en campos de traballo: 465 de acollida, e outras 265 de partida, un 19% máis que o ano anterior. En concreto, das prazas no exterior, 115 son noutras comunidades autónomas, e 150 distribuiranse en máis de 25 países de todo mundo.

Os campos de traballo de Galicia son 18: Illas Cíes (4 quendas), Cotobade, Ribadumia, Illa de Cortegada (Vilagarcía), Riós, Muíños, Celanova, Vilar de Barrio, Portomarín, Xermade, Quiroga, Outes, A Laracha (2 quendas), Ponteceso, Boqueixón, Rois e Padrón.

En 2015, o departamento autonómico está a investir máis de 2,4 millóns de euros para financiar preto de 8.530 prazas da campaña de verán, entre campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo en Galicia. Esta programación permitirá, á súa vez, a contratación duns 900 monitores e directores de campamentos durante os meses de verán.

23 de xullo de 2015 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.