publicidade hoxe

Un total de 20 xóvenes galegos e procedentes doutros países participan no campo de traballo de Riós

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiós
A-
A+

Un total de 20 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, tanto galegos como procedentes doutros países (Italia, Francia e Rusia), están a participar estes días no campo de traballo internacional de Riós. A iniciativa, que comezou o pasado 27 de xullo, rematará o 7 de agosto. A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitaron hoxe aos participantes nesta iniciativa.

Os voluntarios realizarán labores relacionados coa cultura dos soutos tradicionais, como limpeza, aproveitamento integral, ou control da vexetación nestes montes. Ademais, coñecerán a cultura da zona en obradoiros sobre tradicións, lendas, música, e mitoloxía popular. Tamén poderán elaborar receitas artesanais coa castaña como base, ou producir derivados da castaña como as conservas.

Ao mesmo tempo, aprenderán oficios esquecidos como a realización de canastros ou canizos para a seca das castañas e contarán con actividades complementarias como dinámicas de grupo, xogos tradicionais, obradoiro de cociña tradicional galega, cine, piscina descuberta, visita a granxas ecolóxicas ou rutas de sendeirismo.

En total, a campaña de verán da Xunta ofertará este ano 700 prazas en campos de traballo: 465 de acollida, e outras 265 de partida, un 19% máis que o ano anterior. En concreto, das prazas no exterior, 115 son noutras comunidades autónomas, e 150 distribuiranse en máis de 25 países de todo mundo.

Os campos de traballo de Galicia son 18: Illas Cíes (4 quendas), Cotobade, Ribadumia, Illa de Cortegada (Vilagarcía), Riós, Muíños, Celanova, Vilar de Barrio, Portomarín, Xermade, Quiroga, Outes, A Laracha (2 quendas), Ponteceso, Boqueixón, Rois e Padrón.

En 2015, o departamento autonómico está a investir máis de 2,4 millóns de euros para financiar preto de 8.530 prazas da campaña de verán, entre campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo en Galicia. Esta programación permitirá, á súa vez, a contratación duns 900 monitores e directores de campamentos durante os meses de verán.

29 de xullo de 2015 | 13:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.