publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Un total de 141 marcas estarán presentes no Túnel do Viño Albariño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosPontevedra
A-
A+

O Consello Regulador do D.O. Rías Baixas  ultima os preparativos da LXIII Festa do  Viño Albariño Denominación de Orixe Rías Baixas de Cambados. Entre as actividades programadas para estes días destacan a XXVII Cata-Concurso Rías Baixas, así como a quinta edición do Túnel do Viño e a segunda das Catas Temáticas D.O. Rías Baixas que contarán cun total de trece catas, impartidas por doce adegas.

141 marcas de viños do D.O. Rías Baixas esperan no Túnel do Viño a aqueles que queiran gozar e profundar nos coñecementos dos produtos amparados por esta denominación de orixe. Este espazo de cata abrirá as súas portas no Salón de Congresos e Exposicións José Pena desde o xoves, 30 de xullo, até o domingo, 2 de agosto. En xornadas de mañá e tarde, de 12h a 14.30h e de 19 h a 21.30h, excepto o domingo que só haberá sesión de mañá, os participantes poderán degustar un total de 141 marcas pertencentes a 56 adegas desta denominación de orixe nun ambiente máis recolleito e co asesoramento dun catador. A entrada que custa 10 € inclúe, tamén, o acceso ás dúas catas correspondentes nesa sesión. 

Doce adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas protagonizarán a segunda edición das Catas Temáticas, dirixidas polos enólogos das empresas participantes, e que este ano suman un total de 13. Cada día, de xoves a sábado, terá lugar dúas catas pola mañá e outras tantas pola tarde, mentres que o domingo celebrarase unha en sesión de mañá. O obxectivo desta actividade é descubrir os viños de Rías Baixas desde diferentes perspectivas, da man de profesionais e, en moitos, casos dos seus creadores. 

27 de xullo de 2015 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.