Un operario ferido ao caer dunha altura nun taller de cantería en Ponteceso
Un operario, de 47 anos de idade e que responde á identidade de J.V.G., foi trasladado ao Hospital da Coruña tras sufrir un accidente laboral. O home precipitouse dende unha altura de cinco metros no taller de cantería de Ponteceso no que se atopaba traballando, situado no polígono industrial desa localidade.
Ao lugar foron mobilizados unha ambulancia asistencial, persoal sanitario do centro de saúde de Ponteceso e o helicóptero do 061, segundo informou Urxencias Sanitarias.
O persoal do 112 tamén pediu a colaboración dos membros do GES da localidade, que acordoaron a zona e facilitaron a aterraxe do helicóptero nas proximidades da nave industrial, explica a Central de Atención ás Emerxencias. Tamén participaron neste operativo, que se activou ás 12,00 horas deste mércores, efectivos da Garda Civil.