Un grupo de 25 olonnais visitarán A Laracha a mediados de setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Un grupo formado por 25 persoas procedentes de Olonne sur Mer, o municipio francés co que está irmandada A Laracha, visitarán o noso Concello en setembro, concretamento do venres 18 ao domingo 20. Coa finalidade de ultimar o programa desta visita, o comité de irmandamento da Laracha reuniuse hoxe no salón de plenos do Concello, contándose no mesmo con representantes do Goberno Local, dos tres grupos da oposición, U.D. Paiosaco, Laracha C.F., Club de Salvamento Acuático Laracha (SAL) e Asociacións Culturais Santa María de Torás e Queiroga de Paiosaco.

O alcalde, José Manuel López Varela, comunicou aos membros do Comité que a maioría das persoas que formarán a delegación francesa é a primeira vez que visitan A Laracha, polo que propuxo un programa dirixido a que coñezan o Concello, contemplando visita á feira de Paiosaco na mañá do domingo, á praia de Caión, paseo fluvial, área recreativa de Gabenlle e ao mosteiro de Soandres, entre outros lugares.

O rexedor municipal tamén informou ao Comité de Irmandamento sobre a intención da maioría dos olonnais de aloxarse en vivendas particulares con veciños do Concello da Laracha durante a súa estancia.

Desde o Concello da Laracha mostramos a nosa satisfacción por recibir esta visita e tamén a ilusión de comprobar como o irmandamento con Olonne sur Mer asinado en 2010 continúe sendo un atractivo turístico máis para que na rexión francesa de La Vendèe se interesen por coñecer o Concello da Laracha en particular e a Costa da Morte en xeral. 

22 de xullo de 2015 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.