Últimas horas para abonarse cun 5% de desconto extra a #ocamiñodailusion
Os afeccionados do Rio Natura Monbus Obradoiro viven as últimas horas de renovacións e creacións de abonos co desconto extra por facelo antes do 15 de xullo: un 5% acumulable a calquera outro. Mañá 15 será o último día no que se realizará este deconto, ben en oficinas até as 20.00 horas ou até as 00.00 se se realiza desde casa de forma online. Os máis atrasados aproveitan xa estas últimas xornadas para non perderse a oferta especial.
De calquera modo, todos os abonados que queiran renovar pero non sexan tan rápidos, non perderán aínda o seu asento, o cal terán reservado até o 31 de agosto ás 00.00 horas. Se nesa data non renovaron, as prazas liberaranse para que calquera outro afeccionado poida acceder a elas.
Permanecerán tamén todos os demais descontos da campaña: 10% por renovacións ou 30% en caso de ser accionista con máis títulos dos mínimos; 5% para os novos abonados que referencien a un que xa o é e 10% para estes últimos, ou 5% para abonados de tempadas pasadas.
Seguen vixentes tamén os Prezos Reducidos para menores de 18, estudantes menores de 25, parados de longa duración (+de seis meses), federados do baloncesto ou maiores de 65.
Os afeccionados que se fagan previamente Amigos da Fundación Heracles terán a maiores 50 euros de desconto no seu abono durante tres campañas, ademais doutras vantaxes como invitacións, preferencia na compra de abonos da Copa do Rei 2016 e transporte gratuíto á mesma ou unha desgravación no IRPF dun 27.5% como mínimo.











