Turismo de Galicia promove o golf no circuíto sénior e o torneo Twittour
O campo de golf de La Herrería acolle esta semana a terceira proba clasificatoria do V Circuíto de Golf Sénior Turismo de Galicia, organizado polo departamento de promoción turística da Xunta de Galicia, e que este ano se celebra en seis comunidades autónomas. Ademais, no seu labor de promoción do golf, Turismo de Galicia patrocina o torneo Twittour, que se celebra ata hoxe, no campo de golf do balneario de Mondariz.
Este torneo, no que participan homes de máis de 55 anos e mulleres de máis de 50, celébrase por quinto ano consecutivo e conta cunha fase clasificatoria que se desenvolve en cinco campos de golf doutras tantas comunidades autónomas españolas. A fase final terá lugar no campo de golf Oca Augas Santas Balneario Golf Resort, en Ferreira de Pantón os días 6, 7, 8 e 9 de outubro.
En canto á fase clasificatoria, os campos e comunidades autónomas elixidos para a súa celebración ademais de La Herrería, en Madrid, son Golf Ulzama, en Navarra, que acolleu a proba clasificatoria o día 12 de maio, o Real Club de Golf de San Sebastián, o 28 de maio; o Club de Golf de Pedreña de Cantabria, o vindeiro 9 de xullo; e o Real Club La Barganiza, o 16 de xullo.
Estas probas clasificatorias, nas que está previsto que participen uns 500 golfistas sénior, desenvolveranse pola modalidade de stableford scratch e hadicap individual e os xogadores que queiran participar deberán ter o cartón federativo en vigor na data da celebración da competición cun límite de hándicap de xogo de 26,4, para homes, e 36,4 para mulleres.
Torneo Twittour
Por outra parte, Turismo de Galicia é un dos patrocinadores principais do IV Torneo Twittour Mondariz, que se celebra ata hoxe no Balneario de Mondariz.
Twittour é a comunidade de golfistas máis innovadora do momento. A súa gran singularidade é que todos os seus xogadores, repartidos por todo o territorio español, están conectados entre si a través da rede social Twitter.
Actualmente está formada por 1.600 amigos, cun crecemento continuo, e coa peculiaridade da alta taxa de participación de todos os seus membros.
Comunicándose a través de Twitter, organizan torneos de xeito periódico, onde só participan os membros desta comunidade.
Un aspecto moi destacable deste circuíto é a enorme presenza que ten en redes sociais, televisión, webs e sobre todo, bloggers especializados en golf.
A enorme repercusión que ten o evento en medios e, sobre todo, a través das redes sociais, onde se producen centos de tuits relacionados co evento, son un extraordinario escaparate para a promoción de Galicia como destino de golf.
Plan integral de Turismo de Galicia
O Plan Integral de Turismo de Galicia aborda o impulso da promoción e do apoio á organización de iniciativas de turismo deportivo para a captación de novos fluxos turísticos, así como a creación de campionatos de golf vencellados ao turismo termal.
Por iso, ata o ano 2016 estanse impulsando accións encamiñadas á promoción, á captación de máis turistas e ao establecemento de sinerxías con operadores nacionais e internacionais especializados no turismo de golf.
Deste xeito, entre as actuacións máis salientables destacan a participación en feiras sectoriais de golf, accións de promoción en medios de comunicación especializados en colaboración coas empresas xestoras dos campos, a realización de eventos Green Day para participantes amateurs, o lanzamento de ofertas de fins de semana multiexperienciais combinando turismo de golf con turismo termal ou rural, o desenvolvemento de paquetes pechados que consten de Green Fee e clases de iniciación ou perfeccionamento realizadas por monitores propostos pola Federación Galega de Golf e a Asociación Galicia, Destino Golf; e tamén a creación de paquetes turísticos, ofertando golf, aloxamento, termalismo e gastronomía, especialmente para o colectivo sénior.