Turismo de Bueu inaugura o verán cun éxito rotundo nas súas Rutas Interpretativas
O pasado sábado 4 de xullo comezou a nova xeira de rutas interpretativas por diversos espazos naturais e patrimoniais do concello de Bueu. Dende este primeiro sábado de xullo e ata finais de setembro, van ter lugar un número importante de rutas interpretativas por diversos espazos do municipio. Así, todos os sábados á mañá haberá rutas por Cabo Udra, por Ermelo, o Sendeiro Litoral, a antiga ruta das Leiteiras, a ruta dos Abades, dos Muíños, etc., que se combinarán coas rutas urbanas do luns á noite, coas que se pretende dar unha imaxe dos contidos patrimoniais, arqueolóxicos e históricos dunha vila con máis de 2.000 anos de historia, e periodicamente, tamén os mércores pola tarde, diversas visitas guiadas ao exterior e interior do Museo Massó, un dos máis importantes centros de exposición do mundo conserveiro.
Á primeira ruta, a dos Pazos, sobrepasaron os números fixados pola organización, que cifra nun máximo de 25 persoas por grupo. Con todo e malia as chuvias iniciais do sábado, a ruta polos diversos pazos e casas nobres e históricas do municipio de Bueu resultou de enorme interese para os participantes. Do mesmo xeito, a ruta urbana do luns á tarde tamén rexistrou números inusuais para esta época do ano en canto a participación, e é que cómpre destacar que o Concello de Bueu é un dos poucos da súa contorna que ofrece visitas guiadas e interpretativas gratuítas, sen coste para os participantes. Para anotarse nas visitas guiadas e para calquera outra consulta, a Concellería de Turismo pon a disposición dos usuarios o número telefónico 986 324 457 e o correo electrónico: turismo@concellodebueu.org.
O vindeiro sábado, 11 de xullo, a ruta será polo primeiro tramo dos Abades. Os camiñantes sairán ás 9.30 horas da igrexa de Santa María de Cela e durante tres ou catro horas percorrerán 6 km cunha dificultade baixa.











