Turismo de Bueu dinamiza con diversas actividades a aula de natureza de Udra
No comezo das Festas do Carme, Bueu tamén aproveita para organizar outras actividades turísticas. A partir das 20 horas do xoves 16, os participantes poderán disfrutar dun itinerario botánico, e ás 21 horas dun obradoiro para a confección dun herbario que terán lugar na Aula de Natureza Cabo Udra.
E continúa o mes con máis actividades turísticas. O xoves 22 é a quenda dunha ruta nocturna ás 22 horas, seguida da observación de estrelas ás 23 horas no Espazo Natural da Rede Natura Cabo Udra.
Os interesados en participar en calquera das actividades poderán facelo de xeito gratuíto na Oficina de Turismo, chamando ao número 986324457 ou no correo electrónico turismo@concellodebueu.org.
Con estas actividades, e outras que se van ir organizando, o Concello de Bueu dinamiza a Aula da Natureza de Cabo Udra que está aberta ao público todos os venres de 19 a 21 horas e os sábados, domingos e festivos de 11 a 20.30, ata o 30 de novembro. Ademais, tamén pode haber excursións cos centros e asociacións que así o reserven previamente.











