publicidade hoxe

Títeres Cachirulo inaugura o II Festival de Monacadas de Brión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónCalendario
A-
A+

Títeres Cachirulo inaugura mañá venres, 10 de xullo, a segunda edición do Festival Monacadas de Brión. Representará o seu espectáculo “A guerra das Galicsias” a partir das 21 horas na Carballeira de Santa Minia. A obra é unha divertida aventura interplanetaria do século XXI inspirada nas aventuras galácticas do século XX e nas tradicións máxicas, astrolóxicas, culturais e gastronómicas da nosa terra.

A asistencia é libre e de balde, como en todo o programa do festival, organizado por Titiriteiros da Comarca e o Concello de Brión. A seguinte actuación programada é a de Títeres Alakrán, o sábado ás 20 horas. A compañía presentará “Barrigaverde ataca de novo”, na que Borja Ínsua achégase á mítica obra que popularizou José Silvent por todo o país e faino ao vello estilo: cun único manipulador e a empregar a palleta que lle outorga aos bonecos a súa característica voz.

Xa o domingo, 12 de xullo, ás 13:00 horas, A xanela do Maxín representará a función “Titeremusicontos”, unha interesante combinación de elementos onde vistosos monifates daranlle vida a contos tradicionais con raposos, galos ou persoas como protagonistas.

Todas as representacións celebraranse na Carballeira de Santa Minia, están dirixidas a todos os públicos, especialmente os máis novos, e a entrada será libre e de balde.

9 de xullo de 2015 | 13:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.