Tania Castiñeira logra o bronce no Campionato de Europa Cadete

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

Magnífica actuación dos nosos deportistas no Campionato de Europa de Combate Cadete que se disputou estes días en Estrasburgo. Hoxe Tania Castiñeira acadou o segundo bronce galego, mentres que Aitana Santomé fixo unha moi boa competición, a pesar de non lograr unha presea. Tania Castiñeira (+59, Hebe) librou a primeira rolda, para enfrontarse na segunda cunha durísima rival, a francesa Della Sassi, que o pasado ano lograra o subcampionato do mundo da categoría cadete en Azerbaián. Aínda así, a galega fixo un combate excepcional e superou á francesa por un claro 6-3 que lle garantía a medalla de bronce.

Nas semifinais, Castiñeira caeu contra a deportista de Bosnia Adna Boric (12-5) e quedou fóra da final. Pola súa banda, Aitana Santomé (-55, Patiño) superou no primeiro combate á turca Aydin Kubra por un rotundo (0-4). Na segunda rolda esperaba a taekwondista serbia Nadica Bozanic e ambas ofreceron un combate moi rifado e duro que tivo que decidirse na morte súbita e foi a favor da serbia.

Bozanic logrou ao final o título de campioa de Europa Cadete en -55 quilogramos. Unai Silva, bronce o sábado. Aos resultados de hoxe, hai que sumarlle o bronce acadado por Unai Silva (Mace Sport) o sábado en -57 quilogramos.

5 de xullo de 2015 | 23:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.