Solicitarase a desafectación da escola unitaria do Pedroso para destinala a uso público
Dous días despois de que a Consellería de Educación da Xunta de Galicia oficializase mediante publicación no DOG o peche da Escola Unitaria do Pedroso (Bamio), o concelleiro de Educación de Vilagarcía, Argimiro Serén, dou a orde de iniciar os trámites para solicitar á Xunta de Galicia a desafectación das instalacións a efectos de incorporalas ao patrimonio municipal e destinalas a usos públicos.
A solicitude deberá fundamentarse e elevarse ao Pleno e remitirse á Xunta de Galicia, organismo que debe aprobar a desafectación por parte da Consellería de Educación, posto que as instalacións do Pedroso non terán uso educativo a partir do vindeiro curso.
Dado que non foi posible subir a matriculación para acadar os mínimos que esixía a Xunta para manter a Unitaria do Pedroso, agora que os catro alumnos afectados xa están matriculados en centros de Carril e Catoira, o Concello pretende que, polo menos, os veciños poidan beneficiarse das instalacións pasando estas a depender do Concello e tendo uso público.
En Vilagarcía xa se desafectaron anos atrás outras dependencias que a Consellería de Educación deixara en desuso e que están sendo utilizadas por colectivos das parroquias.











