publicidade hoxe

Sigüeiro acolle o III Festival Folclórico Paseo do Carboeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O Concello de Oroso organiza por terceiro ano consecutivo o festival folclórico “Paseo do Carboeiro”, que terá lugar este sábado 4 de xullo no marco natural do parque do Carboeiro a partir das 18:30 horas. Unha iniciativa coa que o Concello de Oroso pretende “dar a coñecer a nosa música e as nosas tradicións, desfrutando dunha xornada de festa e confraternidade, tal e como aconteceu nas dúas primeiras edicións”, explica o alcalde Manuel Mirás.

Para conseguilo, o Concello de Oroso asinou hai uns meses un convenio de colaboración coas distintas asociacións musicais do municipio para a promoción da nosa cultura con eventos como o III Festival Folclórico: Lembranzas do Tambre, Buxos Verdes, Amigos do Acordeón e Néboas no Cumio. De feito, o concelleiro de Cultura, Luís Rey, agradece por adiantado a colaboración destas agrupacións locais, “sen cuxo traballo non podería ter lugar un evento coma este”.

Este ano, como novidade, haberá unha actuación matutina a cargo dos grupos infantís de Lembranzas do Tambre. Será ás 13:00 horas no parque do Carboeiro e dará paso a un xantar no que haberá unha gran churrascada e servizo de bar a prezos populares. E, ao rematar, foliada!.

A terceira edición do Festival Folclórico comezará ás 18:30 horas coas actuacións dos grupos orosáns Lembranzas do Tambre (Sigüeiro), Buxos Verdes (Senra-Cardama) e Néboas no Cumio (Sigüeiro), todos eles colaboradores na organización do festival. Como grupos convidados, este ano actuarán “Pandereteiras de Marantes”, Rancho Folclórico Sachadeiras da Várzea (Góis, Portugal) e os locais Amigos do Acordeón (Sigüeiro-Oroso). Ao rematar o festival haberá churrascada e foliada a ata que o corpo aguante.

2 de xullo de 2015 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.