Sete marcas da D.O. Rías Baixas protagonizaron unha xornada de degustación en Irlanda
Os viños de Rías Baixas estiveron presentes en dúas xornadas promocionais, unha en Irlanda e a outra en Boston. Sete marcas da Denominación de Orixe Rías Baixas protagonizaron recentemente unha degustación no que é considerado por moitos como o mellor bar de viños de Cork, Irlanda. A cita, que se desenvolveu en colaboración co ICEX neste país, resultou todo un éxito de convocatoria, chegando até 37 asistentes e quedando varios en lista de espera.
A cata en Irlanda tivo lugar nas instalacións do wine bar L’Altitude 51 e estivo conducido polo xornalista experto en viños Leslie Williams, da publicación Irish Examiner. A través das súas indicacións, os participantes puideron coñecer de primeira man as características dos Albariños Rías Baixas. Na súa cata comentada, Williams, que se confesa un namorado dos viños amparados por esta denominación de orixe, transmitiu varias anécdotas sobre as súas visitas a distintas adegas, así como outras curiosidades das subzonas. Así mesmo, falou sobre a versatilidade e a enorme calidade dos viños, á vez que detallou as diferenzas existentes entre eles, dependendo do lugar no que se elaboren.
Ao finalizar, todos os asistentes mostráronse fascinados cos viños e moi interesados en coñecer máis información sobre a denominación de orixe, detalles que puideron consultar nos folletos informativos que se repartiron nesta cita. Desde L’Altitude 51 transmitiron a súa satisfacción polo éxito e apuntaron que as sete marcas foron “moi ben escollidas”. Desde este prestixioso establecemento hostaleiro de Cork anunciaron que incluirán na súa selección algúns dos viños Rías Baixas.
“Taste The Nation en Boston”
Dentro das accións no estranxeiro, e dentro do Plan USA en particular, os viños Rías Baixas tamén estiveron presentes nunha xornada promocional desenvolvida na cidade norteamericana de Boston.
Esta campaña desenvolveuse a través do evento “Taste The Nation de Boston” e, nela, promocionáronse un total de seis marcas entre os numerosos asistentes. Ás catas acudiu unha ampla representación de prescriptores pertencentes a importantes cadeas de hostalaría e de alimentación norteamericanas. Todos eles coincidiron en encomiar o sabor e a calidade dos viños amparados por esta denominación, que xa coñecían con anterioridade.
Tamén os consumidores mostraron un gran interese en probar as seis marcas representadas nesta importante cita, que tamén se desenvolve noutras cidades norteamericanas como Washington DC, Nova York, Carolina do Norte ou California. Unha promoción que contribúe a consolidar o Albariño Rías Baixas como un referente de calidade e bo facer.











