Sestayo reúne ás entidades socio-sanitarias de Ferrol para lograr a coordinación dos servizos sociais
A concelleira de Benestar Social, Muller e Festas, Beatriz Sestayo, reuniuse coas entidades socio-sanitarias e sociais da cidade, nunha asemblea aberta que tivo lugar no salón de plenos, e que supuxo o punto de partida para comezar a dar un “cambio de rumbo” á política social da cidade, poñendo ás persoas e ás súas necesidades como prioridade no Concello.
Coa intención de consensuar e coordinar a atención socio-sanitaria, ás familias, aos menores, a dependencia, ou medidas como a eliminación de barreiras, na tarde de hoxe comezouse a debatir sobre a postura e as urxencias que os distintos colectivos perciben na cidade.
O obxectivo é chegar a poñer en marcha un Plan Estratéxico a partir de setembro que permita reforzar os servizos públicos ante a “asfixia” na que se atopan, e coordinar a elaboración dos orzamentos municipais, “limitados, pero nos que se tentará “en primeiro termo saber as necesidades das persoas” para escoller as prioridades.
“A política social e a de emprego son dous pilares fundamentais, a política de emerxencia que se está a facer agora é só de contención, é preciso emprego e emprego digno para darlle a volta a esta cidade, e entre todos e todas aspiramos a unha sociedade máis xusta e máis igualitaria”, explicou.
A reunión terá continuidade con próximos encontros nos que se tentará chegar a acordos e poñer sobre a mesa puntos en común que permitan “traballar en rede” e coordinar para evitar “repetir recursos ou quedarse carentes onde se precisan”.











