Seis membros da Guía Repsol catarán 120 marcas de viños Rías Baixas

Cata de viños Rías Baixas
Seis membros da Guía Repsol avalían entre hoxe e mañá ao redor de 120 marcas de viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. María Isabel Mijares García Pelayo, Mariano Mijares García Pelayo, María Eugenia Rozas García Rojo, Sibelly Val, Estrella Gabriel Rodríguez e José Antonio Mijares García Pelayo centráronse hoxe na valoración dun total de 60 viños pertencentes á anada 2014, mentres que para mañá resérvanse os elaborados en anos anteriores, os tintos, espumosos e elaboracións especiais.
Bos coñecedores dos Rías Baixas, desde o panel de cata da Guía Repsol, ratificaron “a idea global de que esta denominación de orixe é líder entre os brancos españois, aínda que está a crecer a competencia”, asegurou a coordinadora desta publicación, María Isabel Mijares. Non en balde, na edición deste ano incluíronse un total de 181 viños.
Neste sentido, a directora do departamento de Mercadotecnia do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Eva Mínguez, valorou moi positivamente a inclusión das preto de 200 referencias na publicación. “Isto supón que os nosos viños teñen unha calidade máis que demostrada; algo que tamén é froito dos nosos concienzudos controis na cualificación”, afirmou.
Ademais, Mínguez destacou a presenza dos expertos da Guía Repsol no Pazo de Mugartegui para a cata. Nas súas palabras, “para nós é unha satisfacción que mostren interese polos viños Rías Baixas, dada a ampla difusión que ten esta publicación a nivel nacional e o prestixio que alcanzou”.
Pola súa banda, María Isabel Mijares lembrou que, a pesar de tratarse na súa maioría de viños novos, “hoxe en día non resulta útil ese concepto de que se ten que beber un Rías Baixas do mesmo ano. Hai adegas que elaboran uns viños máis adultos e que me encantan. Por exemplo, os ensaios de madeira están a resultar moi ben”.
Máis perspectivas
A coordinadora da Guía Repsol asegurou que, a diferenza doutras ocasións, “contamos cun panel de cata máis heteroxéneo para valorar os viños”. Neste sentido, destacou a presenza de expertos noutros ámbitos como o enoturismo, o comercio nacional e internacional e tamén en mercadotecnia.
As diferentes perspectivas achegadas polos especialistas e ás que mesmo se poderán incorporar opinións procedentes doutros ámbitos -como compradores ou asociacións de catadoras- permítenlles “ofrecer a opinión dun mercado máis amplo”. A Guía Repsol busca, en definitiva, “crear unha guía o máis próxima posible ao consumidor. Case lle estamos dando un estudo de mercado”, afirma a tamén presidenta da Asociación Española de Xornalistas do Viño.
Ademais, na edición deste ano –que sairá publicada o próximo mes de decembro- “incorporaremos a Marca España, que contemplará alimentos non perecedoiros como conservas de peixes e vexetais de todo tipo e bagazos. Actuará como unha guía complementaria”, explica María Isabel Mijares.
A Guía Repsol
Con máis de sete lustros de existencia, a Guía Repsol é unha das publicacións de referencia no sector da gastronomía e do turismo, con máis de 5 millóns de exemplares vendidos desde a súa creación en 1979. Nas súas páxinas inclúense non só todo tipo de detalles para a organización dunha viaxe, senón tamén as mellores referencias de viños e adegas avaliadas por destacados expertos na materia.
A Guía Repsol tamén se editou en formato dixital. Xa son máis de 25.000 as descargas realizadas da súa aplicación para smartphones e tablets, o que denota a importancia desta publicación, que tamén se pode atopar nas principais redes sociais.











