Santiago acollerá un seminario internacional no que varios expertos debaterán sobre as tendencias da pesca e da acuicultura
Entre o 6 e o 10 de xullo a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela acollerá a terceira edición do seminario internacional Leccións Avanzadas en Economía da Pesca e da Acuicultura. Este evento está organizado pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) e a Consellería do Medio Rural e do Mar e conta co patrocinio da Fundación Alfonso Martín Escudero (FUNDAME). Consta de cinco xornadas nas que varios expertos internacionais falarán e debaterán sobre a cadea de valor da pesca e da acuicultura a través de diferentes relatorios e mesas redondas.
Este curso ten como obxectivo poñer a disposición dos participantes información sobre os progresos máis recentes no eido da economía acuícola e establecer un marco para comprender e avaliar os últimos cambios e avances experimentados polos produtores, consumidores e mercados. Consistirá nun foro de debate para que os principais actores da cadea de valor da pesca e da acuicultura intercambien os últimos avances de áreas como a xestión, as iniciativas das administracións públicas e a comercialización de produtos.
Por iso, o seminario está dirixido especialmente a participantes con formación universitaria ou experiencia profesional equivalente, investigadores, xestores, axentes do sector, consultores, asesores e outros especialistas implicados na socioeconomía da pesca e da acuicultura.
Cada día terá un fío conductor. O 6 de xullo o seminario será inaugurado pola conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana; pola responsable da área de produto, comercio, e marketing do departamento de Pesca e Acuicultura da FAO, Jacqueline Alder, e pola Vicepresidenta de FUNDAME, Elisa Polanco. Nesa xornada realizarase unha presentación do marco xeral da economía pesqueira, partindo dunha visión internacional, da man da doutora Alder da FAO, sen perder o punto de vista máis próximo que aportarán Jose Luis González Serrano dende o Ministerio de Medioambiente, Medio Rural e Marino, e a doutora Carme García Negro, da Universidade de Santiago de Compostela.
O martes 7 tratará sobre as novas tendencias na acuicultura e contará con relatores como o catedrático da Universidade de Alaska, Gunnar Knapp, e o catedrático da Universidade de Stavanger, en Noruega, Frank Asche. Ademais nesta xornada o secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, ofrecerá un relatorio sobre a planificación da acuicultura en Galicia.
O mércores 8 de xullo a xornada versará sobre a industria da pesca e da acuicultura e contará con expertos como o catedrático da Universidade de Bretaña Occidental, Bertrand Legallic ou como a doutora Carole Engle, da Universidade de Arkansas. O día seguinte estará dedicado ao marisco, e particularmente ao mercado de moluscos e nesta xornada falarán profesionais como o catedrático do Institute of Sea Fisheries- Instituto Thünen. O último día do seminario, tratará sobre a comercialización da pesca e da acuicultura e contará coa participación, entre outros, do catedrático da Universidade de Arkansas en Pine Bluff, Madan M. Dey e co director executivo da compañía FishyBusiness. Os encargados de clausurar esta xornada serán Paloma Rueda, directora xerente do Cetmar e Ignacio Llorente doutor da Universidade de Cantabria.











