publicidade hoxe

Sanidade mostra o funcionamento do módulo de pediatría de IANUS para o rexistro electrónico do Programa do Neno San

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOroso
A-
A+

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, visitou hoxe o centro de saúde de Oroso para ver de primeira man o funcionamento do novo módulo de pediatría de IANUS, que permite o rexistro electrónico da información clínica relacionada co Programa do Neno San na Atención Primaria. Así, acádase un mellor seguimento dos nenos de Galicia en todo o ámbito da nosa comunidade autónoma, de tal forma que en calquera centro sanitario sexa de Atención Primaria ou de Especializada pode accederse a esta información que ata o de agora estaba en papel e dispoñible unicamente en cada un dos centros correspondentes.

Os controis de seguemento infantil que xestiona o novo módulo de IANUS recollen todos os datos de actividades preventivas e de promoción da saúde do neno, desde o nacemento ata os quince anos. “Isto significa que a información rexistrada na historia clínica en papel ten a súa correspondencia no módulo de pediatría” asegurou Mosquera.

“En definitiva, o módulo é una completa guía onde o profesional pode lembrar, chequear e rexistrar todas as actividades de prevención e promoción da saúde do neno para cada un dos rangos de idade”, asegurou a titular de Sanidade. En total, establece 14 controis aos 7-15 días do nacemento, 1 mes, 2 meses, 4 meses, 6 meses, 9 meses, 12 meses, 18 meses, 2 anos, 3-4 anos, 6 anos, 9-10 anos, 12 anos, e 14 anos.

Ademáis, o módulo contén un bloque específico para rexistro de datos somatrométricos (peso, talla, índice de masa corporal, e velocidade de crecemento) compartido por todos os profesionais responsables da asistencia do neno tanto en Primaria como en Especializada, mesmo inclúe as gráficas de valores de talla e peso, e o cálculo dos percentís de forma automática.

Tamén dá acceso a test pediátricos específicos, fundamentais para o control do desenvolvemento infantil, e que están dispoñibles para os profesionais responsables de cumplimentalos (como o test psicomotor, o test de Tanner, e outras pautas de alimentación, entre outros contidos).

Programa do Neno San

Segundo informou a conselleira, “o desenvolvemento do novo modelo de atención primaria e da pediatría extrahospitalaria, propiciou a prestación dunha asistencia integral e integrada á poboación infantil e condicionou a reorientación, desde unha acción meramente curativa ata integración das actividades preventivas e de promoción da saúde”.

Así naceu o Programa do Neno San hai máis de 30 anos, no que se protocolizaron as actuacións de educación sanitaria dirixidas aos nenos e ás familias e as actividades preventivas e de detección precoz dos problemas de saúde máis habituais, marcando a idade oportuna e a periodicidade da súa realización.

O novo IANUS de Pediatría ven actualizar estes contidos adaptándoos ás novas guías e recomendacións científicas existentes.

20 de xullo de 2015 | 13:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.