publicidade hoxe

Sanidade denega a petición do Concello de Ribadumia de suplir o descanso vacacional dun dos dous facultativos do Centro de Saúde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

O alcalde de Ribadumia, David Castro, enviou hoxe un escrito á Consellería de Sanidade, ante a falta de preocupación por parte deste organismo no sistema sanitario do municipio.

As queixas enmárcanse despois de que o pasado 6 de xullo o equipo de goberno presentara unha solicitude á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia co fin de evitar que o Centro de Saúde de Ribadumia conte con tan só un médico para todo o municipio durante medio mes de xullo. 

Esta  solicitude presentouse unha vez se tivo coñecemento no Concello de que con motivo do descanso de vacacións dun dos dous médicos titulares – do 16 ao 31 de xullo-, a Consellería non tiña previsto designar  a outro médico substituto para cubrir o período vacacional. 

Finalmente, a contestación da Consellería foi negativa co argumento de que deixar o Centro de Saúde de Ribadumia co 50% dos facultativos non supoñía ningún problema.  

Ante iso, o equipo de goberno considera que este xeito despreocupado de actuar da Consellería supón unha gran irresponsabilidade pois a realidade é que se reduciu a atención sanitaria ó 50% e isto está causando unha asistencia inadecuada ós veciños, tempos de espera moi longos e unha carga de traballo excesiva para o outro facultativo. 

Por este motivo, dende o equipo de goberno remitiuse novamente un escrito á Consellería de Sanidade para insistir en que, nas vindeiras ocasións, se informe ó Concello desta situación e se prevea con antelación as substitucións para os novos períodos vacacionais que se concedan co fin de garantir que os veciños teñan uns servizos sanitarios básicos. 

29 de xullo de 2015 | 11:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.