publicidade hoxe

San Sadurniño sumarase á manifestación en Santiago en defensa do sector leiteiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O pleno ordinario do pasado 4 de xuño serviu, entre outras cuestións, para que os tres grupos da corporación expresasen o seu apoio ás demandas dos gandeiros e gandeiras de leite ante a baixada de prezos e a negativa dalgunhas industrias a recollerlles a produción. A través dunha moción presentada polo BNG á que se sumaron PP e PSOE quedou patente o compromiso municipal de “apoiar as mobilizacións convocadas en defensa do sector lácteo galego”. Un compromiso que se levará á práctica este mesmo venres, coa saída dun autobús ás 10 da mañá de diante do Concello con destino á manifestación convocada en Santiago polos principais sindicatos agrarios galegos.

O motivo da manifestación é demandar prezos por riba dos custes de produción que lles garantan unha renda digna aos gandeiros e gandeiras. Pero, ademais, tamén se esixen garantías de recollida do leite e que haxa unha mediación pública eficaz e gratuíta para asegurar o cumprimento dos contratos suscritos entre a industria e as gandeirías. 

As mobilizacións chegan despois de que se producisen casos de centrais leiteiras -Leite Río, principalmente- que se negaron a recoller a produción a varias explotacións de Lugo e A Coruña (unha delas en San Sadurniño), aducindo unha baixa nos índices de materia graxa. Un argumento “falso” para Unións Agrarias detrás do que se escondería “unha estratexia da industria” para “acurralar” aos gandeiros, tal e como apunta o SLG, quen só terían como saída vender o leite entre os 16 e os 18 céntimos por litro, menos da metade do que se considera un prezo digno. Para Xóvenes Agricultores estase vivindo unha situación “que non pode seguir así” e para a que debe haber “unha resposta política” inmediata, posto que en Galicia estarían en xogo 100.000 postos de traballo entre directos e indirectos.

Á mobilización -á que están chamados o sector produtor, forzas sociais, partidos políticos e representantes municipais- partirá ás 12 da mañá da explanada de Salgueiriños. Trátase da primeira medida de protesta avalada polo Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores, agrupados recentemente na Plataforma en defensa do sector leiteiro de Galicia. 

En San Sadurniño o pleno municipal aprobou unha moción por unanimidade na que se asumiu o compromiso municipal de apoiar as accións en apoio do sector. Por esta razón o Concello fletará un autobús para que calquera veciño ou veciña poida acudir á manifestación convocada para este venres ás 12 da mañá na explanada de Salgueiriños, en Santiago. O bus gratuíto sairá ás 10 da mañá da parada que hai fronte á Casa do Concello.

14 de xullo de 2015 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.