publicidade hoxe

San Sadurniño ofrece información sobre o programa Cuidarelax

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O programa “Cuidarelax” pretende ofrecerlles ás familias que teñan ao seu cargo unha persoa maior dependente espazos de encontro con outras familias que estean na mesma situación, ao tempo que reciben formación sobre como desenvolver os coidados. A diferenza doutros cursos e xornadas, “Cuidarelax” ten lugar en Galicia no balneario ourensán de Laias, de maneira que a aprendizaxe leva aparellada unha estadía termal que contribúe a descargar de estrés ás persoas coidadoras. O programa é unha iniciativa gratuíta da Unión Democrática de Pensionistas e Xubilados de España coa colaboración do Ministerio de Sanidade, Servizos sociais e Igualdade. Quen queira participar nela pode obter máis información no departamento municipal de Servizos sociais.

A fin de semana no balneario combina a partes iguais lecer e termalismo con formación sobre a atención ás persoas maiores dependentes. Dunha banda está a parte formativa, que se refire tanto a aquelas prácticas que se deben coñecer para mellorar a calidade de vida das persoas que requiren os coidados como aos aspectos que axudan tamén a mellorar a calidade de vida de quen coida. E todo nun ambiente relaxante de por si como é o dun establecemento termal.

A participación no programa implica a estadía gratuíta en rexime de pensión completa e un circuíto dentro do balneario para a persoa encargada dos coidados acompañada da súa cónxuxe ou doutra persoa que tamén interveña no coidado da persoa maior dependente. E non só iso, senón que durante esa fin de semana quen non dispoña de recursos de apoio poderá botar man de residencias e outros servizos de atención á dependencia coa tranquilidade de que os gastos tamén irán con cargo ao programa.

O único gasto que non se inclúe é o do desprazamento das persoas participantes ata o balneario, que no caso de Galicia é o de Laias, en Ourense. Para obter máis información sobre “Cuidarelax” pode chamarse ao teléfono 982 223 379 ou enviarlle un correo a cuidarelax@gmail.com. Outra opción é solicitar cita previa no departamento de Servizos sociais do Concello chamando ao 981 490 027. 

22 de xullo de 2015 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.