San Sadurniño comeza o cambio a herba artificial do campo de fútbol de Currás

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A empresa Jardinería Arce S.L. iniciou a primeira hora desta mañá os traballos para converter o campo de fútbol municipal de Currás nunha cancha de herba artificial. Os labores centráronse hoxe na medición de cotas para acometer dentro duns días o movemento de terras. As obras adxudicáronse en algo máis de 323.000 euros e deberán estar rematadas para o mes de setembro, cadrando co comezo da liga.

A remodelación do campo de fútbol municipal consistirá na sustitución de 5.000 metros cadrados de céspede natural por un manto sintético, ademais de acondicionar o perímetro do terreo de xogo e de dotalo de novas porteirías. As obras finánzanse ao cento por cento con fondos procedentes da Deputación da Coruña e con elas búscase abaratar custes de mantemento e dispor dunhas instalacións que solucionen os problemas de uso durante o inverno. 

Neste campo adestran e xogan os equipos do C.F. San Sadurniño que, ademais, tamén xestiona as escolas de fútbol municipais. Unha carga moi intensa que impedía recuperar o terreo dunha semana para outra e que mesmo obrigou ao clube a botar man do campo de Santa Mariña ou alugar instalacións noutros concellos en varias ocasións. “O cambio a herba artificial solucionará todos estes inconvenientes”, asegura a nova titular de Deportes, Sabela Íñiguez, quen engade que as obras “minimizarán o traballo necesario para ter o campo sempre en perfectas condicións”. 

Por outra banda, a transformación da cancha tamén abre as portas a que outros equipos poidan empregar o recinto, garantindo desta maneira “o aproveitamento óptimo dun espazo no que se van investir unha importante cantidade de recursos públicos”.

A contía exacta da adxudicación das obras de mellora do campo foi de 323.213,19 euros. É a empresa Jardinería Arce S.L. -con longa experiencia neste tipo de traballos- quen se encarga de levalos adiante tras impoñerse coa súa oferta técnica e económica a outras 12 firmas do sector. Esta mañá iniciaron a intervención facendo o replanteo, é dicir, facendo o traballo topográfico que permite trasladar ao terreo os detalles da obra que figuran nos planos. Os técnicos da empresa sinalaban que o movemento de terra podería comezar a finais desta semana ou inicios da que vén e que, en calquera caso, o campo “ten que estar listo” a comezos de setembro para acoller o arranque da liga 2015-2016.

7 de xullo de 2015 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.