publicidade hoxe

San Sadurniño comeza as obras dunha nova senda peonil no Camiño Arriba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Comezo das obras da senda peonil

Comezo das obras da senda peonil

O Concello comezou esta mesma semana as obras de construción dunha beiravía que unirá o local social do Camiño Arriba co desvío da Seara, no lugar de Portolamas. A obra, adxudicada á empresa Saavedra y López en algo máis de 33.000 euros, cubrirá a banda norte da estrada que percorre este nucleo de poboación co obxectivo de mellorar a seguridade peonil. Trátase da quinta intervención deste tipo que se executa en San Sadurniño nos últimos anos ao abeiro do programa municipal de mantemento de infraestruturas e mellora da seguridade viaria. 

O edil de Obras, Manolo Beceiro, explicou que os traballos iniciados este luns se desenvolverán durante as próximas semanas sobre un trazado próximo ao quilómetro de distancia “nunha zona que soporta moito tráfico rodado e tamén moito movemento de persoas a pé, algunhas delas de avanzada idade”. 

A senda terá un metro de ancho e, ademais, levará un sistema de drenaxe para encauzar e evacuar a choiva. Nestes primeiros días os traballos céntranse na preparación do terreo por medio dunha limpeza en profundidade. Nunha segunda fase colocaranse as tubaxes e arquetas para recoller a auga e, finalmente, executarase a senda propiamente dita con formigón reforzado. 

O sistema é practicamente o mesmo que se empregou actuacións semellantes levadas a cabo con anterioridade noutros puntos do Concello. “Esta será a quinta senda peonil que se constrúe nos últimos catro anos, despois das de Ferreira, Naraío, o Chao de Lamas e a de Vilachá, en Santa Mariña”, apuntou Beceiro, quen engadiu que “a maioría delas son froito das peticións dos propios veciños e veciñas, que facilitaron en todo momento o traballo”.

O custe exacto das obras é de 33.273,79 euros, financiados nun 80% con fondos europeos do FEADER xestionados pola Xunta no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia. O obxectivo do Concello é continuar extendendo este tipo de infraestruturas a outras zonas do territorio, “xa sexa con recursos exclusivamente municipais ou, coma neste caso, coa colaboración doutras administracións”.

9 de xullo de 2015 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.