publicidade hoxe

San Sadurniño celebra o primeiro pleno ordinario do mandato corporativo este sábado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

No último pleno, o de organización do Concello, quedou aprobada a periodicidade das sesións ordinarias do máximo órgano de representación municipal. Non houbo cambios con respecto aos últimos oito anos e as sesións continúan sendo os primeiros sábados dos meses impares. Xullo é un deles e este sábado 4 toca o primeiro -11.30h.-, aínda que para tratar unicamente a adhesión municipal ao programa asinado entre a Administración Xeral do Estado e a Xunta de Galicia para implantar unha rede de oficinas de atención á cidadanía.

En 2007 a Xunta e o Estado suscribiron un acordo para que, entre outras cuestións, os escritos e solicitudes dirixidos aos distintos organismos autonómicos ou dependentes do goberno central puidesen presentarse no rexistro das administracións locais que se adherisen á iniciativa. O convenio expira estes días e vai volver renovarse coa posibilidade de que os concellos se volvan integrar nel. E farao ampliando o abano de opcións, xa que o acordo incluirá agora as relacións con deputacións provinciais e outros municipios e entidades locais.

Porén, a denominada Rede de oficinas integradas busca ser algo máis que un simple rexistro único. De feito o acordo ten definidos tres tipos de oficina segundo a carta de servizos que ofreza. O primeiro tipo son as oficinas de contacto, que coma a de San Sadurniño funcionan na práctica como un rexistro desde o que poder enviar calquera documento a calquera administración. As segundas son as oficinas de información, que ademais de rexistrar poden orientar á cidadanía sobre como facer os trámites máis habituais con outras administracións distintas do Concello. E, por último, están as oficinas de xestión que, como indica o propio nome, tamén tramitan expedientes de acordo cun catálogo normalizado.

A adhesión á rede require que os municipios a aproben en pleno antes do luns e de aí que este sexa o punto central da sesión ordinaria deste sábado, que comezará ás 11.30h. Prevese que sexa un pleno breve, aínda que a duración nestes casos sexa imposible de predicir posto que poden aparecer mocións pola vía da urxencia e, ademais, rogos e preguntas. Cómpre lembrar que os plenos son públicos e que ao seu remate estará dispoñible en internet o audio completo da sesión.

2 de xullo de 2015 | 10:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.