Roi Rodríguez e Brais Casás disputan as finais de K-1 e C-1 do Campionato do Mundo de piragüismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaTui
A-
A+

Roi Rodríguez e Brais Casás disputarán o vindeiro sábado as finais de K-1 1.000 metros e C-1 1.000 metros do Campionato do Mundo de piragüismo na categoría sub-23. Os dous compoñentes do Kaiak Tudense cumpriron co seu obxectivo e teñen agora que afrontan un gran desafío. Roi Rodríguez tamén terá este venres a posibilidade de conseguir unha praza na final de K-4 1.000 metros. Adolfo Domínguez loitará no C-4 500 metros júnior.

O padeeiro de Tomiño demostrou a súa gran concentración e tamén o seu excelente momento de forma. Na primeira rolda do C-1 1.000 metros dominou aos seus rivais, dosificou o esforzo e mantívose firme. Iso foi pola mañá. Na semifinal da tarde volveu dar unha lección da súa calidade. Saíu mal, pero recuperouse ao longo da regata. Mantivo un intenso duelo con Tomas Vesely, da República Checa, ao que superou finalmente por un segundo. Ambos se volverán a atopar nunha final que se presenta moi igualada.

Brais Casás sufriu na súa primeira regata. Saíu ben, pero atragantouselle o percorrido. Foi perdendo posicións ata que se dedicou a manter a quinta posición que lle colocaba na semifinal. Fíxoo con suficiencia. E nesa semifinal atopouse cun elemento que puido ser clave. Paleou pola rúa dúas, onde o vento ofrecía menos dificultades aos padeeiros.

O compoñente do Kaiak Tudense mantívose á fronte da regata case todo o percorrido. Iso a pesar do acoso e presión de Dagnis Iljnis. O letón quedou a menos de medio segundo de superar ao tudense. Brais Casás logrou por méritos propios estar na final.

Na xornada do venres volverá competir de novo Roi Rodríguez. Farao no K-4 1.000 metros, un barco que se presenta como serio candidato a lograr unha medalla. A primeira regata será pola mañá e pola tarde a semifinal. Pola súa banda, Adolfo Domínguez estará como un dos compoñentes do equipo español no C-4 1.000 metros.

24 de xullo de 2015 | 11:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.