Rocío Mosquera visita as obras de construción do novo centro de saúde de Marín
A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, visitou hoxe as obras de construción do novo centro de saúde, instalación sanitaria que conta cun investimento de máis de 5,2 millóns de euros, para unha superficie que se está a construír de preto de 3.800 metros cadrados.
Tal e como recordou a titular da carteira sanitaria do Executivo galego, a obra ten un prazo previsto de execución de 14 meses, polo que cabe agardar que estará rematada na primavera do vindeiro ano.
O novo centro de saúde de Marín contará cunha área de medicina xeral e enfermería, 12 consultas de medicina xeral, 11 de enfermería, unha aula para docencia, unha sala polivalente, un despacho para o traballador social, unha consulta de telemedicina, unha sala de toma de mostras, outra sala de técnicas, unha consulta de odontoloxía, outra para hixiene dental, outra de farmacia, unha sala de raios X compartida co PAC, unha consulta da muller, unha para a matrona, unha sala de educación para a saúde e outra para fisioterapia con 4 cabinas de tratamento, ademais dunha consulta de fisioterapia.
Polo que atinxe a área de pediatría haberá 4 consultas de pediatría, unha polivalente e 4 de enfermería pediátrica.
No que se refire á área de urxencias (PAC), disporá de 3 consultas de medicina xeral, 2 de enfermería, unha sala de críticos e unha sala de observación, ademais dos dormitorios para o persoal de garda.
Outros dependencias que terá o centro de saúde serán a biblioteca, sala de xuntas, sala de estar, almacéns e arquivo.
Esta obra enmárcase na construción dunha serie de centros de saúde distribuídos por toda a xeografía galega que supoñen un investimento previsto, neste ano 2015, de 20,3 millóns de euros, correspondentes aos fondos FEDER finalistas que están sendo obxecto de incorporación progresiva, ademais dos 5,3 dotados no orzamento inicial.
Estes centros virán a sumarse aos outros vinte xa rematados e postos en funcionamento e aos nove reformados, así como a dous novos consultorios.











