Reunión de traballo para os “Camiños Seguros” dos colexios cangueses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+
Reunión de traballo

Reunión de traballo

O concelleiro de Educación, Xoán Chillón, representantes das ANPAs dos colexios Nazaret e A Rúa, o responsable de Protección Civil, Cesáreo Coya, o sarxento -xefe da Policía Local, Alberto Agulla e Responsable de xestión municipal de Voluntariado de Cangas mantiveron a primeira xuntanza onte 16 de xullo para tratar o proxecto dos Camiños Seguros nos centros educativos. A concelleira de Transporte e Mobilidade, Lourdes Rial, non puido acudir á reunión xa que se atopaba en Santiago de Compostela en xestións coa Dirección Xeral de Mobilidade, pero estará nos vindeiros encontros.

A iniciativa de camiños seguros está enmarcada na concienciación social e promoción de educación vial co fin de minimizar os riscos e aumentar a seguridade, ademais de desenvolver a propia autonomía e responsabilidade persoal nos rapaces e rapazas de E. Infantil e Primaria. Na propia reunión valorouse a necesidade de retomar esta actividade realizada nos pasados cursos no colexio Nazaret que xa contaba o ano pasado con dúas “rutas seguras”. Neste proxecto é moi importante a implicación da comunidade educativa, establecementos colaboradores nos itinerarios, nos labores de control e acompañamento.

Paralelamente se trataron temas de Transporte Escolar, Accesibilidade, Abeiros de abrigo e a necesidade de incrementar a sinalización horizontal e vertical nos accesos e entornos das áreas educativas.

O seguinte paso será unha nova xuntanza no mes de agosto, a fin de consolidar, mellorar e incrementar esta iniciativa, extensiva a outros centros educativos do concello, a partir da experiencia xa realizada por parte da comunidade educativa do CEIP Nazaret no concello de Cangas, e informarse de primeira man de semellantes iniciativas no concello de Pontevedra.

Xa con posterioridade, no mes de setembro, realizaríanse xornadas – charlas de concienciación e sensibilización, coa participación de equipos directivos dos centros e Anpas.

17 de xullo de 2015 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.