Retómanse as obras de construción da senda peonil na travesía da Barreira
O Concello da Laracha estará nos próximos días en disposición de retomar as obras de creación da travesía con beirarrúas en A Barreira (parroquia de Torás) ao longo da zona de protección da estrada provincial DP-0513 e ata o límite co veciño municipio de Arteixo, unha actuación valorada en 240.000 euros e que está a ser financiada integramente con fondos propios municipais.
A fase inicial das obras -que incluíu o movemento de terras, demolicións, eliminación de materia vexetal e construción de parte dos muros de contención da nova infraestrutura- xa está rematada desde hai semanas.
Para o desenvolvemento da seguinte fase, consistente na construción das canalizacións soterradas dos diferentes servizos (recollida de pluviais, iluminación pública e telecomunicacións), é preciso ocupar o espazo no que actualmente se sitúan os postes que soportan o tendido aéreo de telefonía. A entidade propietaria dos mesmos, Telefónica S.A., en contestación á solicitude do goberno local, vén de comunicar ao Concello que en breve realizarán o traslado provisional dos postes, actuación necesaria para desbloquear a situación e que as obras poidan continuar avanzando.
A través deste proxecto o Concello da Laracha creará unha senda peonil a ambas marxes da estrada e que enlazará coa xa existente no núcleo de Estramil. A lonxitude lineal da nova infraestrutura superará os 1.200 metros, sendo a anchura media de 1,80 metros ao longo do seu percorrido. A obra estase realizando desde os bordes exteriores da capa de rodadura da vía, polo que non se invadirá en ningún momento a plataforma de circulación e, por tanto, non afecta en absoluto ao tránsito dos vehículos na zona. A actuación completarase coa correspondente sinalización horizontal e vertical incluíndo, entre outras actuacións, o pintado de pasos para peóns.











