publicidade hoxe

Restablecido o servizo de auga tras unha avaría que afectou a Brión, Os Ánxeles e Bastavales

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Brión informa do restablecemento do servizo de abastecemento de auga ás 10:30 horas de hoxe venres, despois dunha avaría que deixou sen servizo a vivendas das parroquias de Brión e Os Ánxeles, así como a unha parte da parroquia de Bastavales durante a noite de onte. O servizo quedou restablecido ás 10:30 horas de hoxe e, segundo vai pasando o tempo, a auga vai recuperando a súa presión habitual.

Así mesmo, esta mañá o Concello de Brión sacou un Bando Municipal no que estable unha serie de restricións no uso da auga do servizo municipal de abastecemento. Deste xeito, queda prohibido o uso da auga procedente da rede municipal de auga potable para:

– a rega de parques e xardíns (agás que se empregue rego por goteo, auga recuperada ou de pozo)

– o baldeo de vías, rúas ou beirarrúas ou de elementos instalados nelas (agás que se faga con auga recuperada ou procedente de pozo).

– o enchido de piscinas e o seu funcionamento sen circuíto pechado.

– o uso da auga con fins ornamentais en fontes e instalacións que non dispoñan de sistemas de recuperación ou circuíto pechado.

– o uso da auga para aparatos de refrixeración que non dispoñan de sistemas de recuperación ou circuíto pechado.

O alcalde, José Luís García, recorda a todos os veciños e veciñas de Brión a necesidade de facer un uso responsable da auga e aforrar no seu consumo, aínda que o subministro está garantido unha vez reparada a avaría. Porén, insta á Xunta a poñer en marcha canto antes o comprometido abastecemento do Tambre para Ames e Brión. “Na última visita falouse de que entraría en servizo este mesmo verán”, lembra José Luís García, “e a súa posta en marcha acabaría con calquera problema de desabastecemento no futuro”.

 

24 de xullo de 2015 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.