Recepción na Deputación aos 25 nenos saharauis que pasarán o verán na provincia de Lugo

Recepción aos nenos saharauís
A Deputación de Lugo celebrou esta mañá unha recepción oficial á comitiva dos delegados da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, aos nenos e nenas que pasarán o verán na provincia de Lugo e ás familias que acollen aos menores, de entre 9 e 12 anos, durante estes dous meses.
O acto estivo presidido pola Vicepresidenta 2ª do organismo, e responsable da Área de Benestar Social, Muller e Xuventude, Mari Teijeiro, o delegado saharaui en Galicia, Habibulah Mohamed, e o vicepresidente da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Emilio Portela.
Durante a súa intervención, a Vicepresidenta 2ª da Deputación puxo en valor “a solidariedade e o agarimo” das familias, que “nun acto de gran xenerosidade o que fan é antepoñer a calquera outra circunstancia o benestar destes nenos e nenas, que durante o resto do ano viven condicións moi duras e das que, polo menos estes dous meses conseguen deixar a un lado”.
Así mesmo, Mari Teijeiro tamén agradeceu “a constancia e a tenacidade” da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, á que cualificou de “actor principal dunha iniciativa que a Deputación de Lugo respaldou e seguirá a respaldar”. “A vosa tarefa é importante porque sen o voso traballo non existiría un proxecto tan beneficioso como é este”, recalcou, ao tempo que se comprometeu a seguir respaldando e apoiando economicamente este proxecto de Vacacións en Paz e que recibe 8.000 euros da Deputación.
Ademais, a vicepresidenta 2ª do organismo provincial subliñou que “o perfil moi variado de familias que acollen a estes nenos dá conta de que a solidariedade dos lugueses e luguesas non entende de clases sociais ou de circunstancias persoais”. Nesa liña, Mari Teijeiro fixo fincapé na “excelente oportunidade” que supón para os núcleos familiares, “especialmente aqueles con nenos e nenas” xa que “o que permite, ademais dun intercambio cultural, é inculcar valores esenciais na nosa democracia como a tolerancia ou o respecto ás outras culturas”.
“A mellor mostra de que é un proxecto interesante e que funciona é que moitos dos nenos e nenas saharauis repiten e tamén que algunha das familias acolle a dous menores”, concluíu a Vicepresidenta 2ª da institución provincial.











