Rafael Cuíña visita as obras acometidas no colexio Manuel Rivero

Cuíña na visita ás instalacións
O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, visitou esta mañá o colexio Manuel Rivero para comprobar de primeira man as distintas actuacións que a brigada municipal de obras acometeu no centro educativo durante as últimas semanas. As tarefas de adecuación executáronse tanto nos patios exteriores como no interior do recinto. Así, amañáronse diferentes artefactos de xogo infantil tales como un tobogán ou un cabaliño de madeira que presentaban estado de deterioro, ademais de reforzar e limpar o acolchamento do chan.
No interior da escola, os operarios municipais pintaron os despachos e colocaron paneis de madeira na parte inferior da parede de dúas aulas para evitar as manchas producidas pola actividade dos nenos e nenas. Así mesmo, o rexedor aproveitou para facer unha revisión xeral de todas as instalacións, acompañado por persoal directivo do centro, para contemplar o estado das mesmas e barallar posibles novas actuacións. Esta inspección tamén serviu para comprobar que o Manuel Rivero está listo para acoller o inicio da escola de verán que se desenvolverá no colexio dende o vindeiro luns.











