Primeira xuntanza para o departamento de Mobilidade e Transporte de Cangas
A concelleira de Mobilidade e Transporte, Lourdes Rial, mantivo unha reunión onte 16 de xullo coa Directora Xeral de Mobilidade e Transporte, Elena del Valle, en Santiago de Compostela. A primeira xuntanza serviu para tratar os temas que máis preocupan á concelleira e trasladou así mesmo aqueles asuntos que preocupan á poboación canguesa.
O transporte metropolitano foi tema clave nesta reunión na que Rial aproveitou para poñer de relevo as cuestións a ter en conta ao respecto. En primeiro lugar, a edil denunciou os problemas de funcionamento que presenta a tarxeta de transporte metropolitano, que segundo del Valle xa se están a estudar. Tamén falaron das posibles negociacións para que se anexione Vigo no plan metropolitano, xa que Rial considera “inxusto que a veciñanza do Morrazo non se poida beneficiar do transporte en Vigo”. Tamén mencionaron a posibilidade de crear un transporte directo ao novo hospital dende a estación marítima. Dentro do tema metropolitano, abriuse a posibilidade así mesmo de poñer en marcha no futuro o transporte metropolitano con Pontevedra.
Con respecto á mobilidade, Rial denunciou a inoperatividade das plataformas dos autobuses nas paradas que existen en Cangas para persoas con discapacidade. Neste senso, falouse tamén da posibilidade de instalar plataformas de acceso aos barcos.
A concelleira canguesa propuxo tamén recuperar antigos servizos e activar outros novos. Por exemplo, reactivar o 065, servizo no que pequenos autobuses poden mobilizar a persoas con minusvalías, así como recuperar o noitebús. Como proxecto, púxose sobre a mesa a posibilidade de activar autobuses ás praias desde posibles aparcadoiros disuasorios na entrada ao concello.
Lourdes Rial afirma que está pendente de reunirse cos diferentes colectivos implicados nestes asuntos para trasladarlle a información pertinente.











