Preséntase en Lugo a IX edición do Certame Condado de Pallares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá en Lugo no acto de presentación da IX edición do Certame Condado de Pallares. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia unha vez máis esta iniciativa coa que a Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares promove a investigación humanística en galego.

“A investigación en humanidades é fundamental porque nos axuda a comprender quen somos, a coñecer en profundidade o contorno que nos rodea e, xa que logo, a pisar sobre seguro á hora de decidirmos cara a onde dirixir os nosos pasos. Se, ademais, esa investigación se fai en galego, promovendo a nosa lingua nun ámbito que en tempos lle foi negado, a aposta pola nosa identidade e polo noso futuro é completa”, sinalou García Gómez durante a súa intervención.

No acto, que tivo lugar na Sede de AFundación tamén participaron o presidente da Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, Carlos Vázquez; o deputado provincial de Cultura, Francisco Balado; o alcalde de Guntín, Jesús Carreira; o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela; o alcalde de Taboada, Ramiro Moure, e o xefe da zona Lugo de Abanca Alberto López.

Premio á investigación en galego

A Xunta de Galicia colabora con este premio para favorecer a investigación en galego sobre a arte, a antropoloxía, a lingua ou a etnografía de Galicia a través de estudos que permiten afondar no coñecemento e tamén no recoñecemento dos valores materiais e inmateriais da cultura galega.

A el poden concorrer todas as persoas que presenten textos inéditos en lingua galega arredor da temática antedita, cinguidos ao ámbito territorial dos concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo. O prazo de presentación estará aberto ata o 2 de novembro e a finais dese mes o xurado ditaminará quen é o gañador/a.

Desde a súa creación, este certame premiou traballos realizados sobre diversos ámbitos da cultura galega vinculados aos territorios que no século VI se constituíron baixo o Condado de Pallares e que hoxe abarcaría a Taboada, Guntín, Portomarín, Chantada e Carballedo. Os concellos de Guntín, Taboada e Chantada; a Deputación Provincial de Lugo e AFundación tamén apoian este premio, que conta cunha dotación económica de 3.000 euros e que inclúe a publicación do traballo gañador.

21 de xullo de 2015 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.