Povisa recibe un premio polos seus avances na supervivencia de cancro gástrico
O equipo de cirurxía xeral do Hospital Povisa logrou alcanzar un cociente de supervivencia no cancro gástrico do 62% aos cinco anos tras a intervención laparoscópica dos pacientes, porcentaxe superior á maioría dos estudos publicados en Europa e Estados Unidos até a data. Os resultados foron presentados no XVII Congreso da Asociación de Cirurxiáns de Castela e León, que reuniu recentemente en Ponferrada a cirurxiáns de toda España, e onde o equipo de Povisa recibiu os premios á mellor comunicación e ao mellor vídeo científico, valorando os excelentes resultados comunicados e a técnica cirúrxica laparoscópica empregada.
A importancia do estudo sobre supervivencia achegado por Povisa vén referendada, ademais, polo feito de estar baseada no seguimento dun grupo de pacientes durante cinco anos –a maioría de estudos realízase con proxeccións estatísticas-. Estes pacientes foron operados mediante cirurxía laparoscópica e tiñan cancro gástrico nun estadio avanzado. Cinco anos despois de ser operados, non só sobreviviu o 62%, senón que o 46% das intervencións efectuouse sen complicacións.
O Servizo de Cirurxía Xeral de Povisa, dirixido polo Dr. Ernesto Toscano, atribúe estes resultados, en primeiro lugar, á experiencia acumulada en cirurxía laparoscópica –con 340 pacientes intervidos até a data-, a alta especialización da Sección de cirurxía esófago-gástrica na aplicación da técnica laparoscópica e aos protocolos de actuación multidisciplinar de Povisa neste ámbito, que se traducen nunha oferta vangardista do tratamento oncolóxico no marco da máxima seguridade para o paciente.
Como resultado destes avances, a XX Reunión Nacional de Cirurxía, que reunirá en Granada o próximo mes de novembro a cirurxiáns de toda España, seleccionou para o apartado de “o mellor do congreso” o vídeo realizado en Povisa onde o equipo do Dr. Toscano explica a técnica de gastrectomía laparoscópica.











