Povisa amplía a certificación nacional de seguridade asistencial a todo o bloque cirúrxico
Despois de converterse, en xullo de 2012, no primeiro hospital de España en obter a certificación oficial española sobre xestión de riscos clínicos para a seguridade do paciente –UNE179003-, Povisa acaba non só de renovar esta acreditación tres anos despois, senón de ampliala a todo o bloque cirúrxico, o que inclúe os quirófanos, a unidade de recuperación postanestésica –URPA-, a cirurxía maior ambulatoria para endoscopias dixestivas, as centrais de esterilización e a programación cirúrxica.
A ampliación desta esixente acreditación prodúcese semanas despois de recibir Povisa o Quality Healthcare do Instituto para o Desenvolvemento e Integración da Sanidade, e coincide tamén cunha renovación dos criterios de UNE179003, que se fixeron aínda máis esixentes. Neste sentido, para lograr acreditarse de novo é imprescindible, por exemplo, que o hospital avalíe todos os riscos que poidan derivarse do uso de tecnoloxía sanitaria, ou que haxa implementado un sistema de formación continuada. Todo iso, converte a esta norma nunha das máis rigorosas do mundo no ámbito da seguridade do paciente.
Publicada no BOE en 2010 e inspirada na acreditación hospitalaria máis estrita e prestixiosa do mundo, a americana Joint Commision International, UNE 179003 concedeuse a Povisa en 2012 no ámbito de toda a “hospitalización médica, cirúrxica, oncolóxica, oncohematológica e de pacientes críticos desde a súa avaliación inicial até o alta”, isto é, nas áreas craves do hospital e onde leva a cabo unha vixilancia máis intensiva dos pacientes. Até esa data, só un hospital en España lograra a certificación, pero exclusivamente para o seu servizo de hemodiálisis. Povisa foi, pois, o primeiro que o logrou no ámbito fundamental da hospitalización.
Para a renovación da certificación, os auditores do hospital valoraron especialmente a cultura de “declaración de eventos adversos como fonte de aprendizaxe e coñecemento” e “o investimento en recursos materiais e tecnolóxicos para a seguridade do paciente”. Tamén se destacou o “despregamento de indicadores a todos os niveis” e os plans de tratamento da seguridade “en todo o sistema”. A certificación é válida por 3 anos, con revisións anuais e un compromiso do hospital de adaptarse ás posibles modificacións e melloras da propia norma que poidan producirse de agora en diante.











