publicidade hoxe

Portos habilita 26 prazas de atraque para embarcacións deportivas nas instalacións do Freixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOutes
A-
A+

Portos de Galicia habilita nas instalacións do Freixo, no concello de Serra de Outes, 26 prazas de atraque para embarcacións deportivas e 16 novos brazos de amarre para facilitar o embarque e desembarque dos usuarios das embarcacións. O presidente do ente público dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar visitou hoxe o porto para comprobar esta reordenación da que sinalou que “coa habilitación destas novas prazas reforzaranse as existentes e eliminarase a lista de espera actual nun porto en continuo crecemento cun potencial náutico importante”.

As 26 prazas de amarre habilitadas son de eslora de ata seis metros para embarcacións deportivas. Ademais tamén se reordenaron os atraques no pantalán nº 6 para optimizalo axustando as embarcacións ás prazas, e colocando as máis pequenas de eslora cara o interior do pantalán para a súa mellor protección e abrigo.

Acompañado do alcalde de Outes, o presidente de Portos comprometeuse tamén á colocación dun pantalán para outras 26 prazas. O investimento total das dúas actuacións é duns 65.000 euros financiado con fondos FEDER.

O porto do Freixo conta tamén cun edificio de usos náuticos e multiusos onde se atopa a escola de vela e diversos servizos para os usuarios. Dispón ademais dunha instalación pertencente a Portos de Galicia onde está unha das bases técnicas do ente público na que almacena elementos de sinalización marítima e para a loita contra a contaminación.

Outras obras na zona

Esta instalación, xunto coa do porto de Muros na marxe norte da ría de Muros-Noia, e a de Portosín na marxe sur, está a desenvolver un papel importante na promoción da náutica deportiva nesta área da costa galega. A isto súmase o labor do ente público na divulgación da oferta náutica de Galicia, dentro dunha estratexia de internacionalización da náutica, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia.

Completando esta actuación púxose en marcha hai uns días unha nova zona de varada no porto de Muros cunha superficie de 3.704 metros cadrados, un foso para a grúa automotor de 60 metros cadrados e un travelift de 100 toneladas, que prestará os seus servizos aos barcos pertencentes á flota profesional e á flota náutica deportiva, tanto deste porto como de toda a zona. O porto de Muros dispón dun pequeno complexo de instalacións nas que se prestan os servizos básicos de luz e auga aos usuarios, capitanía, oficinas e vestiarios, duchas e pañol, ademais doutros servizos básicos como lavandería e bar, e persoal que atenden as instalacións durante as 24 horas do día.

14 de xullo de 2015 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.