Porto de Vigo e Anfaco promocionarán as conservas de peixes e mariscos entre os turistas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

Baixo o slogan ‘CATA A LATA, Goza e saborea todo o sabor do mar con conservas de peixe e marisco españolas’, a Autoridade Portuaria de Vigo e Anfaco-Cecopesca levarán a cabo unha promoción do sector das conservas de peixes e mariscos dirixida aos turistas que chegan a Vigo por vía marítima.

Así o anunciou esta mañá, en rolda de prensa, o Presidente do Porto de Vigo, Ignacio López-Chaves, acompañado polo Secretario Xeral de Anfaco-Cecopesca, Juan Manuel Vieites, e o Xerente de Vigo Cruise Terminal, Ramiro Cobo. Segundo informou, esta campaña trata de ofrecer un novo servizo aos miles de cruceristas que ano tras ano chegan á cidade por mar a través dunha exhibición dun produto de calidade, como é o caso das conservas de peixe e marisco españolas.

Para iso, instalarase unha caseta de degustación na terminal de cruceiros do Porto de Vigo, onde os turistas poderán coñecer máis sobre as conservas de peixes e mariscos españolas, ademais de poder degustar diversas tapas elaboradas con estes produtos e que poderán maridar con viños da DO Rías Baixas. 

Segundo informou López-Chaves, esta promoción realizarase entre o 27 de xullo e o 24 de setembro nas escalas de diversos megacruceiros das navieras máis importantes do mundo, tales como o Britannia (27 de xullo), o Anthem of the Seas (30 de xullo), o Queen Elizabeth (1 de setembro), o Ventura (1 de setembro), a Costa Favolosa (5 de setembro), o Azura (10 de setembro), o Royal Princess (11 de setembro), o Ventura (15 de setembro), o Explorer of the Seas (20 de setembro) e o MSC Orchestra (24 de setembro).

Para López-Chaves, estes cruceristas serán verdadeiros embaixadores das conservas de peixes e mariscos nos seus países de orixe, polo que agradeceu tanto a Anfaco-Cecopesca como á xerencia de Vigo Cruise Terminal o traballo conxunto neste tipo de iniciativas de promoción dun sector que, nos últimos meses, experimentou un incremento superior ao 30%, con respecto ao exercicio anterior.

Dobre obxectivo

Pola súa banda, e segundo afirmou o Secretario Xeral de Anfaco-Cecopesca, Juan Manuel Vieites, o obxectivo desta campaña é dobre: por unha banda, o de promover o turismo en Vigo e Galicia tras a escala dos cruceiros no Porto olívico, e polo outro, a promoción internacional das conservas de peixes e mariscos españolas, onde Galicia é un referente, achegando aos turistas a coñecer máis a fondo as conservas españolas, a súa calidade e múltiples posibilidades gastronómicas. Así mesmo, achegarase o universo das conservas de peixes e mariscos non só aos turistas, senón tamén á tripulación dalgúns dos buques.

Para Vieiteis, trátase dunha iniciativa ‘moi nova’ xa que, cada vez máis os turistas elixen España como destino preferente para as súas vacacións. ‘Un clima inmellorable, unha cultura ampla e diversa, multitude de actividades de lecer e unha gastronomía envexable, fan que o atractivo de España sexa irresistible’.

Neste contexto, ‘hai un tipo de turismo que crece a bo ritmo: o turismo de cruceiros. Un medio ideal para visitar cidades portuarias que habitualmente contan cunha gran oferta cultural, paisaxística e gastronómica, un dos grandes atractivos para os turistas, onde o Porto de Vigo converteuse en escala protagonista, recibindo ao ano máis de 80 cruceiros’. 

Por iso, ‘a gastronomía española, cada vez máis recoñecida internacionalmente, é sobradamente coñecida entre os turistas, que non se resisten aos seus encantos, aínda que moitas veces descoñecen a súa gran variedade e moito menos as súas posibilidades gastronómicas entre as que se atopan nun lugar destacado as conservas españolas de peixe e marisco’. 

Por último, o Xerente de Vigo Cruise Terminal, Ramiro Cobo, asegurou que se trata ‘dunha idea estupenda e nova’, e que terá ‘un atractivo especial’ para os máis de 200.000 cruceiristas, de entre 50 ou 60 nacionalidades distintas, que anualmente visitan o Porto de Vigo a bordo de grandes buques pertencentes ás navieras máis relevantes do panorama internacional.

Neste sentido, brindou a súa total colaboración á hora de difundir esta campaña a través das navieras para que, antes da súa escala en Vigo, poidan coñecer esta iniciativa.

Esta actividade, enmárcase dentro da Campaña de Promoción das Conservas de Peixes e Mariscos que ANFACO-CECOPESCA desenvolverá durante o ano 2015 coa colaboración do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e o Fondo Europeo de Pesca, e a cal non se podería pór en marcha sen a colaboración do Presidente do Porto de Vigo e o seu equipo da Autoridade Portuaria, así como do equipo da  Vigo Cruise Terminal.

 

17 de xullo de 2015 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.