publicidade hoxe

Paula Cortiñas despídese do CD Burela FS

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaDeportes
A-
A+
Paula Cortiñas

Paula Cortiñas

Paula Cortiñas non continuará no CD Burela FS Pescados Rubén a vindeira tempada por motivos académicos. A xogadora cervense, que se trasladará a Logroño para compatilibizar estudos co fútbol sala no Rioja FSF, quixo despedirse da Mariña a través das seguintes liñas.

“Cheguei ao CD Burela FS Pescados Rubén con tan só quince aniños, sendo unha nena. Atrás quedan catro tempadas onde o principal obxectivo era aprender e formarme. Catro tempadas cheas de éxitos deportivos, unha liga, unha copa, dúas copas de Galicia e o campionato de España coa selección galega sub-21. Non podo pedir nada máis con dezanove anos; isto supera todas as miñas expectativas.

Pero máis alá dos éxitos deportivos queda a experiencia persoal que me fixo medrar como persoa grazas a tódalas compañeiras que tiven durante estes anos e digo TODAS. Dende aquí quero dar as grazas a todas elas e tamén, como non!, a tódolos adestradores cos seus corpos técnicos, empregados do club, a directiva e os patrocinadores. Non podo esquecerme da afección que cada sábado estaba en Vista Alegre e o que non era Vista Alegre para animarnos, sen dúbida a mellor de España. Grazas a todos.

Agora empeza unha nova etapa na miña vida porque os estudos chaman á porta e como quero seguir facendo o que máis me gusta, que é xogar ó fútbol sala, teño que deixar este club e elixir outro no que poida compaxinar as dúas cousas, estudar e xogar, será o Rioja FSF.

Pero isto non é un adeus, esta é a miña casa e o meu club e espero nun futuro poder regresar. Mil grazas”. (Paula Cortiñas Pardo)

Paula, dende o club desexámosche moita sorte nesta nova etapa. Sempre terás as nosas portas abertas.

22 de xullo de 2015 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.