Pablo Vázquez está convidado ao All Star Camp de Leicester Riders

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O adestrador do equipo preminibasket do Rio Natura Monbus Obradoiro foi convidado a participar no All Star Camp 2015 do Leicester Riders de Inglaterra. Pablo Vázquez está presente no campus británico, do mesmo xeito que dous dos xogadores participantes no III Campus Obradoiro CAB – Barbanza, bolseiros para esta ocasión.

Vázquez fai balance da súa presenza alí e do atopado no campus. “Trátanme estupendamente, séntome moi ben atendido e o trato é con moitísimo gusto e agarimo. A verdade é que non podo máis que agradecer a todos os adestradores e xogadores o trato exquisito que me están dando”. 

O adestrador fai balance do que leva visto nos seus días en Inglaterra. “O nivel, en liñas xerais, é bastante semellante a España. Hai xogadores de todos os estilos, pero o bo é que todos lle pon moito entusiasmo e moitas ganas”.  Ademais dos moitos adestramentos que fan ao longo do día. “Madrugamos moito e dedicamos a mañá enteira a adestramentos técnicos. Xa pola tarde facemos adestramentos algo máis lúdicos, pero de sete a nove da tarde realizamos outro adestramento técnico antes de irnos a descansar”. 

Tamén destaca unha cousa que lle sorprendeu dos xogadores ingleses. “Paréceme incrible a relación de respecto entre o adestrador e o xogador. A todo o que se corrixe responden cun ‘yes coach’, que demostra que están a prestar atención e que teñen ganas por aprender”. 

Xunto a Pablo Vázquez, atópase o adestrador Mark Jarram, adestrador axudante de Leicester Riders, que tamén participou no III Campus Obradoiro CAB – Barbanza. Así mesmo asistiu, xunto a Joe Pinchin, ao III Clínic Unika “Desmontando ao adestrador axudante”. 

30 de xullo de 2015 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.