Ourense será a primeira cidade española en contar cos servizos de Vodafone de 4G en banda 800 MHz

A directora da Amtega na presentación en Ourense
O próximo 20 de xullo Ourense converterase na primeira cidade española á que Vodafone dotará de cobertura 4G sobre a banda 800MHz. Con este anuncio o operador, un dos asinantes do Pacto Tecnolóxico de Galicia, reafirma o seu compromiso coa Comunidade, iniciando no territorio galego os seus plans de despregamento a nivel nacional nesta frecuencia.
O uso da banda de 800MHz ofrecerá aos usuarios sensibles melloras do servizo no interior de edificios. Ademais, esta banda permitirá estender xeograficamente o servizo de forma eficiente. Factores moi importantes para os despregamentos en zonas rurais, especialmente en casos como o galego onde existe gran dispersión de poboación, moita masa forestal e vivendas de pedra.
As vantaxes da nova frecuencia foron explicadas esta mañá nunha rolda de prensa na que participou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, xunto co alcalde de Ourense, Jesús Vázquez e o director de Administracións Públicas e Grandes Contas de Vodafone España, César Cid.
Plan de Banda Larga da Xunta 2020
A directora, destacaba que a conectividade a través de banda larga foi unha das prioridades establecidas polo Goberno Galego na primeira estratexia tecnolóxica da Xunta. Lembrou que en catro anos o Plan de Banda Larga cumpriu o obxectivo de facilitar o acceso a Internet en toda a Comunidade e achegou as redes de 200Mbps a máis da metade da poboación.
Pereira sinalou que agora é preciso adoptar novas medidas para dar resposta á demanda de novos servizos dixitais e das prestacións máis avanzadas. Por iso, avanzou que o a finais deste ano, o Goberno galego aprobará o Plan de Banda Larga 2020 para conseguir que toda a poboación, así como os parques empresariais e polígonos industriais dispoñan de cobertura de redes ultrarrápidas de 30Mbps.
Reforzo de cobertura 4G en Galicia
O director de Administracións Públicas e Grandes Contas de Vodafone España, César Cid destacou: “O noso compromiso con Galicia fai que elixísemos Ourense para iniciar o noso aceso da banda 800MHz e que todos os ourensáns poidan ser os primeiros en gozar das vantaxes desta tecnoloxía. A aposta de Vodafone polo desenvolvemento tecnolóxico de Galicia é firme porque, sen dúbida, esta vía debe ser unha das claves do crecemento presente e futuro desta Comunidade Autónoma”.
Vodafone reforzou a cobertura en Galicia da súa rede móbil co obxectivo de garantir a mellor experiencia de usuario para os seus Clientes. O investimento, directo e indirecto, que Vodafone España está a realizar en Galicia entre o seu exercicio fiscal pasado e o actual (do 1 de abril de 2014 ao 31 de marzo de 2016) alcanzará os 100 millóns de euros.
Sobre a banda 800MHz
O 1 de abril de 2015 procedeuse á liberación da frecuencia 800 MHz que ata entón empregábanse para a emisión do sinal da televisión dixital terrestre, proceso tamén coñecido como Dividendo Dixital. A partir de entón, estas frecuencias foron asignadas ás operadoras de telefonía móbil para prestar os seus servizos de telefonía móbil 4G.
Pacto Tecnolóxico
Vodafone é unha das 12 empresas asinantes do Pacto Tecnolóxico de Galicia co Goberno galego. Trátase dun acordo no ambas partes asumen un decálogo de compromisos para atraer investimento a Galicia, favorecer a internacionalización das pemes galegas e lograr a colaboración activa entre as grandes e pequenas empresas para conseguir o crecemento do sector.
Xunto con Vodafone subscribiron o pacto, o primeiro deste tipo que se realiza en España, Telefónica, HP, Indra, Everis, Tecnocom, Iecisa, Satec, Televés, R, Altia, Coremain, e o Clúster TIC Galicia.











