publicidade hoxe

Os visitantes rexistrados en Poio na primeira quincena de xullo superan nun 25% os datos do pasado ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPoio
A-
A+

A Concellaría de Turismo do Concello de Poio informa sobre os visitantes recibidos nas oficinas de turismo municipais e a ocupación rexistrada nos establecementos de aloxamento durante a primeira quincena de xullo. No que respecta á ocupación da primeira quincena do mes de xullo, rexistrouse unha ocupación media do 69% cantidade superior nun 25% ós datos acadados na mesma quincena do pasado ano.

O bo tempo e a cantidade de actividades lúdicas existentes no municipio, axudaron a acadar unhas cifras de ocupación bastante positivas en comparación cos datos rexistrados nas pasadas tempadas.

As expectativas para esta segunda quincena de xullo son positivas xa que nestes momentos o volume de reservas ronda o 72 %, aínda así, as previsións poden variar en función das condicións meteorolóxicas e a tendencia a esperar ata o último momento para facer reservas.

Respecto ós visitantes rexistrados nas oficinas de turismo municipais, nesta primeira quincena de xullo acadouse a cifra de 1.900 persoas, das que un 92 % corresponderon a visitantes nacionais e un 8% a visitantes estranxeiros. O incremento de visitantes rexistrados nas oficinas de turismo supón case 900 persoas máis que as rexistradas na mesma quincena do pasado mes de xullo.

De entre os turistas nacionais destacaron os procedentes de Andalucía (19,54%), Madrid (15,80%), Castela e León (14,74%) e Asturias (10,91%). En relación ós visitantes internacionais destacaron nesta primeira quincena, os turistas procedentes de Francia, Reino Unido, EEUU e Irlanda.

Dende a apertura das oficinas municipais de turismo ata o de agora xa se levan rexistrados 4.042 visitantes que preferentemente buscan información dos atractivos turísticos do Concello de Poio e das Rías Baixas en xeral.

17 de xullo de 2015 | 12:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.