Os socialistas de Ordes celebran que o BNG se sume ás reclamacións socialistas sobre o estado da N-550

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+

A voceira municipal dos Socialistas de Ordes, Verónica Gómez, considera como unha boa nova que o BNG se sume, por fin, no Congreso ás peticións que levan realizando en solitario durante máis de ano e medio os deputados socialistas da provincia de A Coruña.

Paloma Rodríguez e Miguel Cortizo rexistraron no Congreso xa en febreiro de 2014 unha Proposición non de Lei coa que instaron ao Goberno a “acometer á maior brevidade os traballos necesarios para a substitución do firme da N-550 ao seu paso pola rúa Alfonso Senra na localidade de Ordes, así como á remodelación das beirarrúas que a bordean, de forma que se garanta a seguridade vial para o tráfico rodado e para os desprazamentos peonís”.

Así mesmo, en febreiro de 2015, rexistraron unha nova Proposición non de Lei instando ao Goberno “a actuar de inmediato con obxecto de garantir a seguridade vial, procedendo a adecuación de forma urxente da estrada N-550 entre A Coruña e Santiago, e especificamente no Concello de Ordes, levando a cabo o pintado da sinalización horizontal da mesma con especial incidencia nos pasos peonís”.

Do mesmo modo, a instancias do secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes e anterior voceiro municipal, Xesús Pedreira, foron numerosas as preguntas parlamentarias que ao longo de toda a lexislatura os socialistas coruñeses realizaron nas Cortes denunciando o lamentable estado no que se encontra a N-550, unha vía que é fundamental para a provincia da Coruña e esixindo as melloras e reformas necesarias para poder combinar a seguridade vial nos desprazamentos a pé coa fluidez do tráfico.

“Durante moito tempo os socialistas levamos denunciando en todas as instancias, incluído o Congreso, que as actuacións de Fomento na N-550 prodúcense de forma aleatoria e descoordinada, dotadas de escaso orzamento e manifestamente insuficientes para respostar ás necesidades das localidades pola que discorre”, asegura Verónica Gómez. A voceira municipal socialista celebra que “o BNG presente tamén agora iniciativas no Congreso pois entendemos que votará favorablemente as presentadas polo Partido Socialista cando teña lugar o debate das mesmas ao tempo que se amplía o arco de grupos parlamentarios que coinciden e se suman ás reivindicacións dos socialistas”.

16 de xullo de 2015 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.