publicidade hoxe

Os queixos Pazo de Anzuxao participan nunha iniciativa 2.0 do Camiño de Santiago en Arzúa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArzúaLalín
A-
A+

A empresa queixeira lalinense Lácteos Anzuxao ofreceu esta tarde en casa Calzada, na parroquia de Burres, en Arzúa, unha degustación dos seus queixos no marco da iniciativa de promoción gastronómica do Camiño de Santiago #ÓscarOnTheWay. Os queixos Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa e Teto de Pazo de Anzuxao, que contan con certificación de Galicia Calidade,  son un dos produtos galegos participantes na iniciativa 2.0 #OscarOnTheWay, que lidera o barista compostelán Óscar de Toro.

A finalidade do proxecto #OscarOnTheWay, que se celebra desde o pasado 19 de xullo até o día 25, é dar a coñecer os produtos típicos que hai no Camiño de Santiago e fomentar o coñecemento das empresas do sector primario galego como elemento diferenciador. As experiencias vividas ao longo de todo o percorrido por Óscar de Toro están a ser narradas en Internet a través dunha difusión 2.0 con conexións en directo e un formato nun 90% de vídeo. O seguimento das accións poden realizarse desde as canles 2.0 de Galicia Calidade (Youtube, Facebook e Twitter).

Sobre Lácteos Anzuxao

Con sede en Madriñán-Lalín, Lácteos Anzuxao é un referente entre os queixos galegos de Teto, Arzúa-Ulloa, Semi-Curado, Semi-Graso, Curado e Requesón, contando con múltiples premios (o de Teto foi recoñecido coa Distinción de Ouro a Mellor Teto na categoría D.O.P.en decembro de 2014). O valor diferencial de Lácteos Anzuxao é que preserva a esencia da súa tradición nos distintos procesos; desde o leite empregado, que procede de explotacións gandeiras da zona até o moldeado final dos seus produtos que se fai maneira manual.

23 de xullo de 2015 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.