Os populares acusan ao alcalde de Ferrol de desmarcarse de calquera responsabilidade ante o problema da auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Europa Press

O voceiro do PPdeG, Miguel Tellado, acusou o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, de “desmarcarse de calquera responsabilidade” ante o problema para o consumo humano da auga por contaminación que afecta máis de 150.000 veciños de cinco municipios de Ferrolterra. En rolda de prensa, o voceiro popular lamentou que o rexedor ferrolano comparecera este xoves ante a situación xerada, cando o contido das analíticas se coñece “dende o día 6 de xullo”, e cualificou de “estratexia de confusión” a actitude da corporación municipal.

Tellado recriminou ao Concello de Ferrol “ter constancia” da situación que afecta ao consumo de auga dende o martes 14 de xullo a través dun fax da Consellería de Sanidade no que se informaba de que un informe da Empresa Mixta de Augas de Ferrol (Emafesa) detectara dende o 6 de xullo altos niveis de compostos químicos -trihalometano- en auga de Ferrolterra.

Por outra banda, asegurou que o consumo de auga nos pasados días “non ten efectos inmediatos para a saúde das persoas”, polo que transmitiu unha mensaxe de “tranquilidade” aos veciños dos municipios de Ferrol, Fene, Mugardos, Ares e Narón.

Ademais, indicou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e dous conselleiras mantiveron contacto co alcalde de Ferrol para poñer a disposición os medios necesarios para afrontar a situación.

Nesta liña, a Xunta colaborará cos alcaldes dos cinco concellos afectados para a provisión de auga embotellada, de acordo co exposto por Tellado na sede do PPdeG.

17 de xullo de 2015 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.