publicidade hoxe

Os monicreques regresarán á Carballeira de Santa Minia esta fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

Os monicreques regresan á Carballeira de Santa Minia da man do Festival Monecadas, cuxa segunda edición terá lugar os días 10, 11 e 12 de xullo. Un festival organizado por Titiriteiros da Comarca e o Concello de Brión, de asistencia totalmente libre e de balde e que traerá a Brión a prestixiosas compañías como Títeres Cachirulo, Títeres Alakrán e A Xanela do Maxín.

O festival comezará este venres 10 de xullo, ás 21:00 horas, coa obra “A guerra das Galicsias”, a cargo de Títeres Cachirulo. Trátase dunha divertida aventura interplanetaria do século XXI inspirada nas aventuras galácticas do século XX e nas tradicións máxicas, astrolóxicas, culturais e gastronómicas da nosa terra.

O sábado 11 de xullo, ás 20:00 horas, Títeres Alakrán presenta “Barrigaverde ataca de novo”, onde Borja Ínsua achégase á mítica obra que popularizou José Silvent por todo o país e faino ao vello estilo: cun único manipulador e a empregar a palleta que lle outorga aos bonecos a súa característica voz.

O domingo 12 de xullo, ás 13:00 horas, A xanela do Maxín representará a función “Titeremusicontos”, unha interesante combinación de elementos onde vistosos monifates daranlle vida a contos tradicionais con raposos, galos ou persoas como protagonistas. 

Todas as representacións celebraranse na Carballeira de Santa Minia, están dirixidas a todos os públicos, especialmente os máis novos, e a entrada será libre e de balde.

7 de xullo de 2015 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.