Os establecementos Ámboa–Maeloc e Pijus Magnífikus gañan en Santiago os premios “Comercio con talento”
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, foi a encargada de entregar esta mañá os premios aos establecementos Ámboa-Maeloc e Pijus Magnífikus, gañadores en Santiago do certame “Comercio con talento”, unha iniciativa da Consellería de Economía e Industria coa que se busca impulsar a innovación e o emprendemento no sector comercial, ao tempo que se promove o coñecemento e o contacto do alumnado de formación profesional co sector e a súa realidade, complementando así a súa formación.
En Santiago foron os alumnos do Ciclo Medio de Comercio e do Ciclo Superior de Xestión Comercial e de Marketing do IES Pontepedriña os encargados de propoñer en equipos a candidatura do establecemento comercial que, ao seu xuízo, é o máis innovador da cidade. Posteriormente, un xurado especializado escolleu aos negocios gañadores entre as diferentes candidaturas, obtendo os equipos que as presentaron premios para mercar no comercio local. En toda Galicia participaron preto de 40 grupos de alumnos de 14 centros de ensino e 40 traballos.
Ámboa – Maeloc, con varios establecementos en Santiago dedicados á artesanía, cerámica e xoiería e máis de 30 anos de traxectoria, é un espazo no que a ourivería do acibeche ocupa un lugar especial ao tratarse do oficio tradicional máis característico da cidade compostelá. O grupo de estudantes de Xestión Comercial, Ana de la Torre, Eva Ferradás, Marga Olveira e Iria Seoane, destacou no seu traballo a aposta polos artesáns máis novos e menos coñecidos de Galicia. Neste senso, un dos puntos clave para estas mozas é o feito de poder adquirir pezas únicas e feitas a man, o que lle aporta un valor engadido ao establecemento.
Pola súa banda, a tenda de agasallos orixinais e merchandising Pijus Magnífikus abriu as súas portas ao público hai pouco máis de seis meses grazas a tres mozos emprendedores, Xurxo, Andrea e Francisco. O escaparate e a decoración interior, caracterizada polo humor, a banda deseñada ou o cinema, foi o máis resaltado do traballo do outro grupo do IES de Pontepedriña premiado, formado por Belén Cancela, Diego Cobas, Martín García e Noelia García, alumnos tamén do Ciclo Superior de Xestión Comercial e Marketing.
A posta en marcha de “Comercio con talento”, que conta coa colaboración de Abanca, enmárcase na estratexia de impulso ao sector comercial da Consellería de Economía e Industria, que no que vai de ano leva activados programas de apoio por preto de 10 millóns de euros centrados en eidos como a innovación e a modernización, o respaldo ao asociacionismo comercial ou a potenciación dos mercados e prazas de abastos.











