Os centros de ensino público de Cangas están pendentes de varias obras
A concelleira de Obras e Servizos, Mercedes Giráldez e o concelleiro de Ensino e Deporte, Xoán C.Chillón reuníronse onte co Xefe Territorial de Educación da Xunta de Galicia, César A. Pérez e a Inspectora de Zona, María Adoración de la Fuente en Pontevedra.
Entre os temas que se trataron na xuntanza, as actuacións en centros públicos de educación infantil e primaria de Cangas foi de especial interese. Fíxose un repaso por parte da administración da Xunta de Galicia dos investimentos realizados en convenio coa Deputación de Pontevedra dos últimos exercicios nos distintos centros educativos de educación infantil e primaria así como nos institutos de secundaria de Cangas. Ademais, está previsto que o vindeiro mes de agosto comecen as obras en dous centros da vila: no CEIP Espiñeira (Aldán), obras de cuberta cun custe de 30.000 euros; e no CEIP Castrillón (Coiro), obras nos vestiarios do pavillón e humanización do patio. Neste punto, demandaron unha decidida implicación das administracións para apostar pola mellora do CEIP Espiñeira-Aldán para o vindeiro exercicio. A incorporación do nomeado centro como centro plurilingüe no novo curso escolar será un incentivo máis nesta liña.
Por outra banda, os concelleiros demandaron explicacións pola anulación nesta mesma semana da inversión de 400.000 euros nunha importante actuación no pavillón do IES María Soliño, comprometida para este ano, cunha inversión procedente dos Fondos Europeos. Esta obra é unha demanda de hai dez anos, xa que é importante e necesario contar coa infraestrutura deportiva necesaria para o correcto desenvolvemento do ciclo formativo de TAFAD. A inversión representa unha actuación completa e contaba cos informes favorables, e, sen resposta satisfactoria, queda postergada á súa recuperación para inicios do ano 2016.
Con respecto á formación docente, os concelleiros reforzaron coa Inspectora de Zoa (que deixa este destino ao remate deste curso académico) a necesidade de seguir promovendo e desenvolvendo a actividade de xornadas de formación levada a cabo nestes últimos anos. Este temas será formulado ás Direccións e Servizos de Orientación do concello de Cangas e da comarca.











